Florencia, república de
Entidade política xurdida no s XII ao redor da cidade de Florencia, independizada de calquera outra xurisdición. Liberada do dominio nobiliario trala morte da condesa Matilde de Canossa (1115) e despois de derrotar o vicario imperial, constituíuse unha república dirixida por un goberno de cónsules, elixidos entre a aristocracia, e apoiados pola Igrexa e os membros destacados da burguesía mercantil que formaban as Arti Maggiori. A súa expansión territorial comezou coa conquista de Fiesole (1125) e estableceu unha alianza comercial con Pisa. Promoveu a liga güelfa toscana (1197) co obxectivo de liberar as cidades do Imperio Xermánico. Entre 1191 e 1196 ensaiaron a substitución dos cónsules polo goberno dun podestá. Os enfrontamentos con Pisa polo dominio da Toscana comezaron no 1218 e mesturáronse coa loita entre o Emperador Federico II e o papado. O triunfo dos xibelinos, que se fixeron co poder entre 1248 e 1250, provocou a reacción da burguesía, que conquistou o poder co apoio do partido güelfo e constituíu o denominado primo popolo, mentres a república se dividiu en dúas seccións de goberno: o comune e o popolo. Os xibelinos recuperaron o poder trala Batalla de Montaperti (1260), pero os güelfos recuperárono (1268) apoiados por Carlos I, rei de Nápoles e de Sicilia, que recibiu o título de podestá. A prosperidade mercantil e industrial florentina reflectiuse na vida política e favoreceu o acceso deste grupo, denominado popolo grasso, ao poder, e creouse a señoría dos priores, maxistratura constituída por nove representantes das Arti Maggiori (1282). Os ordinamenti di giustizia de Giano della Bella sancionaron esta situación (1293), constituíndose o secondo popolo e marxinando do poder os nobres, pero trala súa derrota (1295), tamén as denominadas Arti Minori foron separadas do poder. Dende o comezo do s XIV a nobreza e as artes menores aliáronse contra o goberno das artes maiores e militaron no partido dos brancos, encabezado pola familia Cechi, de tendencia xibelina, enfrontado ao partido dos negros, que representaba a clase mercantil rica, agrupada ao redor da familia dos Donati, de tendencia güelfa. Os brancos fixéronse co poder (1300-1301), pero a mediación de Carlos de Valois deulles o poder aos negros, que expulsaron da cidade os brancos. Florencia buscou a axuda de Nápoles para enfrontarse aos xibelinos toscanos, e nomeou a Roberto d’Anjou, fillo do Rei Carlos II, capitán da liga güelfa toscana (1304), que defendeu Florencia contra o Emperador Enrique VII e os xibelinos (1305). Nesta situación de perigo Florencia proclamou a señoría de Roberto, rei de Nápoles (1313-1322) e sucedeuno o seu fillo Carlos, duque de Calabria (1325-1327). Neste período Florencia mantivo unha política expansionista e conquistou as cidades de Pistoia (1331), Cortona (1332), Arezzo (1337) e Colle Valdelsa (1337). Trala señoría de Gualterio de Brienne, duque de Atenas (1342-1343), o poder pasou ás Arti Minori nunha conxuntura marcada pola crise económica, mentres ao seu redor se producía a reconstitución dos estados da Santa Sé. Fronte a esta ameaza, e desvinculada da súa tradicional política güelfa, Florencia enfrontouse ao papado (1375-1378), que publicou un interdito contra Florencia que prexudicou o seu comercio. Despois do tumulto dos Ciompi (1378), as Arti Minori retomaron o poder ata que en 1382 se impuxo a ditadura do nobre Maso degli Albizzi, que permaneceu no poder ata 1417. Baixo o seu goberno produciuse un novo período de expansión e reorganización territorial no que recuperaron Arezzo e Cortona e conquistaron Liorna e Pisa. Nestas cidades establecéronse novos maxistrados designados dende Florencia para controlar os seus territorios. A expansión territorial enfrontou o goberno do partido nobiliar, que se prolongou ata 1434, co Rei Ladislao I de Nápoles (1408-1413), e loitou contra Filipe María I de Milán (1424-1441), aliada con Venecia. A partir de 1434 Cosme de Medici fíxose co poder despois de conseguir que os seus subordinados e colaboradores fosen elixidos para os principais cargos do goberno. Os enfrontamentos no exterior prolongáronse e en 1450 Florencia buscou o apoio de Francisco I, duque de Milán, e dos franceses fronte á alianza entre Afonso o Magnánimo e a república de Venecia. O conflito rematou coa Paz de Lodi (1454) e permitiulles aos Medici prolongar o seu dominio baixo Pedro o Gotoso. Sucedérono os seus fillos Lourenzo e Xulián (1469), pero trala conxura dos Pazzi (1478) e a morte de Xulián, Lourenzo fíxose co poder e someteu o goberno a un consello de setenta membros subordinados á súa persona. Trala morte de Lourenzo (1492) rompeuse o equilibrio de poderes en Italia e, tralo sometemento aos franceses do sucesor, Pedro de Medici foi expulsado por unha rebelión popular en novembro de 1494. O goberno de Savonarola supuxo a reinstauración da república que se prolongou trala súa morte (1498), baixo o goberno de Piero Soderini (1502-1512). Os Medici recuperaron o poder co apoio do exército español, malia que o perderon de novo tralo saqueo de Roma fronte a un goberno republicano (1527-1530). Foron restaurados no poder e co apoio de Carlos V recibiron o título de duques herdeiros de Florencia (1532). Trala Guerra de Siena estenderon os dominios sobre a Toscana (1559) e recibiron o título de gran duque do Papa Pío V (1569). Trala extinción dos Medici (1737) o gran ducado quedou vinculado aos Habsburgo. Pasou despois a mans dos franceses e novamente aos austríacos en 1814. O ambiente revolucionario europeo determinou que Florencia proclamase de novo unha república en 1848 e, en 1861, un plebiscito popular mostrouse favorable á unión do ducado de Toscana co reino de Italia.