Florida
Península do SL de América do Norte, situada á beira do Océano Atlántico, separada de Cuba e das Bahamas polo canal homónimo. É unha plataforma cárstica recuberta de sedimentos cretáceos, cuns sectores deprimidos invadidos polas augas freáticas. O litoral atlántico é rectilíneo, regularizado por dunas e cordóns litorais. O golfo é máis abrupto e ten algúns portos naturais, como Charlotte Bay e Tampa Bay. Administrativamente, está comprendida dentro do estado de Florida. Descuberta por Vicente Yáñez Pinzón e A. Vespucci en 1498, Juan Ponce de León tomou posesión dela para Castela no 1513. Despois dos fracasos na conquista das expedicións de Pánfilo de Narváez (1528) e Hernando de Soto (1539-1540), Pedro Menéndez de Áviles fundou a cidade de San Agustín (1565) e marcou o comezo da ocupación efectiva. Dende o s XVII foi fortificada para protexela dos indios do interior e combater os piratas do golfo de México. Cedida ao Reino Unido en 1763, foi devolta a España pola Paz de Versailles (1783). Despois de numerosos incidentes entre españois e norteamericanos durante a Segunda Guerra de Independencia (1812-1814), foi conquistada en 1818 polo xeneral Andrew Jackson e ratificouse o tratado de venda en 1819. Despois de someter os indios seminolas, foi admitida como estado da Unión en 1845. Na Guerra de Secesión loitou en favor da Confederación Sudista (1861-1865).