fluorescencia
(< fluorita)
-
s
f
[FÍS]
Emisión de radiación por parte de átomos ou de moléculas que se excitaron por absorción de fotóns, usualmente, do ultravioleta, orixinada por unha transición entre dous estados electrónicos de igual spin. O tempo que transcorre entre o acto da excitación e o da emisión é de 10 -9 a 10 -6 segundos, o que a distingue da fosforescencia. Nos compostos moleculares, tanto a excitación electrónica como a disipación de enerxía pódense acompañar de variacións das enerxías de vibración e de rotación. A radiación fluorescente é sempre dunha lonxitude de onda máis grande cá radiación excitadora, segundo a lei de Stokes. A fluorescencia pódese inducir tamén por mecanismos como o bombardeo con electróns e con raios alfa, beta ou gamma.
-
fluorescencia de raios X
[FÍS]
Emisión de raios X secundarios por parte dunha mostra irradiada con raios primarios procedentes do anticátodo dun tubo de raios X. Se os fotóns primarios teñen bastante enerxía expulsan electróns dos niveis internos dos átomos da mostra, e as transicións polas que os electróns máis externos se reordenan nos niveis de menor enerxía producen a emisión secundaria ou fluorescente, que ten efecto en forma de liñas espectrais dunhas lonxitudes de onda características de cada clase de átomos. É un fenómeno que tivo un gran valor para o estudo da estrutura electrónica dos átomos e que é a base dun método moi sensible e específico de análise elemental inorgánica, cualitativa e cuantitativa. En radioloxía unha pantalla recuberta de tungstato de calcio (fluorescente) permite o exame dos tecidos profundos do corpo por medio de raios X. No laboratorio clínico utilízase para detectar antíxenos específicos en inmunofluorescencia.