Fo, Dario
Autor, director de escena e actor italiano. Iniciou a súa carreira teatral despois dun longo período de aprendizaxe na radio e na televisión, e de coñecer a Franca Rame, coa que casou en 1957. Interesados pola farsa e por xéneros teatrais populares emparentados coa commedia dell’arte, lograron un considerable éxito ao tempo que comezaron a desenvolver unha crecente lectura crítica da realidade, a través de pequenas escenas nas que se ridiculizaba as clases dirixentes, as institucións oficiais e determinados comportamentos das forzas políticas da esquerda tradicional. Esa nova orientación do seu traballo tivo un punto de inflexión en 1963, ano en que participou no programa Canzionissima, que finalmente abandonou para non ter que suxeitarse aos ditados da censura, feito que tamén impediu a súa continuidade na Radio Televisión Italiana. En 1968, Franca Rama e Darío Fo crearon a compañía Nuova Scena, coa que realizaron unha xira por fábricas, asociacións e outros foros cun público formado esencialmente de traballadores, e en 1969, despois dalgúns incidentes co Partido Comunista, iniciaron unha nova andaina con La Comune. Con estes dous colectivos presentaron espectáculos da súa autoría como Grande Pantomima (A gran pantomima, 1968) Misterio Buffo (Misterio cómico, 1969), Morte accidentale dun anarchico (Morte accidental dun anarquista, 1970), Non si paga! Non si paga! (Aquí non paga ninguén, 1974). Estes textos foron traducidos a moitas linguas e tamén en Galicia deron lugar a diversas escenificacións. En 1997 Dario Fo recibiu o Premio Nobel de Literatura, en recoñecemento polo seu labor teatral no que sempre mesturou a recuperación de formas teatrais e dramáticas de raíz popular cun compromiso político constante.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Varese