Folgar de la Calle, José María
Profesor titular de Historia da Arte. É profesor de Historia da Cinematografía na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC) dende 1972. Nos anos 70 participou no movemento cineclubista de Compostela, impulsando a creación do Cineclube Santiago. Pertence á Asociación Española de Historiadores de Cine, da que foi un dos seus impulsores en 1988. Realizou estudios sobre a orixe do cine en Galicia que publicou na súa tese de doutoramento Aproximación a la historia del espectáculo cinematográfico en Galicia (1896-1920), (1987) ou aspectos como o recoñecemento do labor do fotógrafo coruñés Joseph Séller na implantación do cinematógrafo en España, en colaboración co profesor J. L. Castro de Paz, da Universidade de Vigo, e co investigador vasco Jon Letamendi. Tamén realizou análises de filmes que gardan algunha relación coa historia ou a cultura galegas, e dirixiu traballos de documentación televisiva no arquivo de Radiotelevisión Española en Galicia. Codirixiu traballos de documentación cinematográfica galega con A. L. Hueso, patrocinados e publicados parte dos seus resultados polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, en dous volumes, en 2000 e en 2002. En colaboración coa investigadora R. Martín Sánchez, na revista Semata da facultade de Xeografía e Historia, publicou, nos últimos anos, artigos cinematográficos relacionados co tema de cada número monográfico. Con motivo do centenario do primeiro espectáculo de cine en Santiago, en 2000, promoveu a edición facsimilar do libro X de Ars Magna Lucis et Umbrae, do xesuíta Atanasius Kircher, un clásico da precinematografía.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Santiago de Compostela