Folies-Bergère
Teatro de variedades parisino. Inaugurado en 1869 co nome de Café du Sommier Élastique, en 1871 adquiriu o nome definitivo. O termo francés folie designa un lugar de recreo ou casa de campo e a finais do século XIX utilizouse para designar espacios teatrais, entre os que cómpre destacar os denominados Folies Dramatiques, Folies Marigny, Folies Mayer e, finalmente, Folies Bergère. Este último especializouse nos xéneros da opereta e a pantomima. Anos despois, en 1918, e baixo a dirección de Paul Derval, comezou unha nova etapa baseada no teatro de variedades e de revista, na que presentou espectáculos musicais de gran formato no que se alternaban todo tipo de escenas cos números bailados e a actuación de cantantes célebres. No seu escenario iniciaron a súa carreira artistas notables como Maurice Chevalier, Charles Spencer Chaplin, Yvette Guilbert ou Josephine Baker.