fonoloxía

fonoloxía

(< fono- + -loxía)

s f

Parte da lingüística que se ocupa de estudar a compoñente fónica das linguas, é dicir, o uso lingüístico dos sons. Este termo empezou a utilizarse no s XIX para designar o estudo dos sons lingüísticos (equivalente á fonética lingüística), pero a partir de principios do s XX tomou un sentido máis especializado. A fonoloxía foi a disciplina que aplicou e desenvolveu con maior rapidez e éxito as ideas do estruturalismo lingüístico, sobre todo grazas aos traballos do Círculo Língüístico de Praga. Utilizando os criterios de conmutación e oposición, a teoría fonolóxica de Nikolaj S. Trubeckoj (Grundzüge der Phonologie, 1939) permite identificar os fonemas de cada lingua e establecer a rede de oposicións que forma con todos os outros fonemas que poden aparecer na súa mesma posición e contexto. Esta perspectiva tivo continuidade en Europa, coa chamada fonoloxía funcional. A partir dos mesmos conceptos básicos, Roman Jakobson desenvolveu unha fonoloxía máis centrada no estudo dos trazos distintivos que constitúen cada segmento fónico. A fonoloxía xenerativa (que se inicia coa obra de Noam Chomsky e Morris Halle, The sound pattern of English, 1968), que parte dunha revisión e unha reformulación da fonoloxía herdada de Jakobson, céntrase no estudo das regras implicadas nos procesos fonolóxicos. Dentro do marco xenerativo, a fonoloxía coñeceu grandes avances desde finais da década de 1970, coa aparición de diferentes teorías fonolóxicas como a fonoloxía autosegmental, a fonoloxía métrica, a fonoloxía léxica ou a fonoloxía prosódica, entre outras. Os obxectos preferentes de estudo durante estes anos foron a formación da sílaba, o acento, o ton (nas linguas tonais), a prosodia e a entoación, así como un número moi elevado de procesos fonolóxicos observados nas linguas do mundo. A primeira fonoloxía do galego é a publicada entre 1965 e 1974 por Amable Veiga na revista Grial (recollida en Fonología gallega, 1976). Nela Veiga describe o sistema fonemático do galego desde unha perspectiva funcional, baseándose fundamentalmente na fonoloxía de Trubeckoj, mais tamén incorporando elementos doutras fontes (como o binarismo da fonoloxía de Jakobson) e propoñendo innovacións orixinais, como a idea da xerarquización das oposicións fonolóxicas. Todos os estudios posteriores sobre a fonoloxía das falas galegas, así coma todas as gramáticas desde a de Ricardo Carballo Calero (1966), baséanse na obra de Veiga. Nas universidades galegas seguiuse principalmente a liña estruturalista de tradición europea, mentres que a liña xenerativa foi máis cultivada nas universidades estranxeiras, sobre todo nos EE UU. A única fonoloxía xeral do galego publicada ata o momento nesta liña é a de Obdulia Castro, Aproximación a la fonología y morfología gallegas (New Orleans, 1998).