Fonseca
Liñaxe de orixe discutida. Uns investigadores opinan que é orixinaria de Portugal; outros, que procede do Rei Ramiro II de León; hai algúns que a vinculan mesmo coa casa real de Hungría, pois dous príncipes deste país viñeran á Península en tempos de Afonso VI a loitar contra os mouros e, en recoñecemento, o rei deulles os lugares de Fuenteseca ou Fonseca e o couto de Coutiño, en Galicia; desde aquela os descendentes dos príncipes tomarían os apelidos de Fonseca e Coutiño. A opinión máis espallada é que desde antano esta familia se estableceu no lugar de Quintana da Fonseca, topónimo do que derivaría o apelido. Deste lugar era señor Men Rodríguez de Fonseca, que tomou parte na conquista de Toledo, e que pasou despois a Portugal. Unha das liñas da estirpe instalouse en Castela a finais do s XIV, cando Pedro Rodríguez de Fonseca (?-1419), señor de Olivença, se trasladou desde Portugal á corte castelá. Nesta liña destacaron, entre outros, Alonso I de Fonseca, Alonso II de Fonseca, Alonso III de Fonseca e Diego de Fonseca. Na rama portuguesa cómpre mencionar a Gaspar Orrego Fonseca, bispo do Porto e presidente do Paço. As súas armas levan, en campo de ouro, cinco estrelas de oito raios, de goles, postas en aspa.