fósil
(< lat fossĭle ‘sacado da terra’)
-
adx e s
m
[PALEONT]
Aplícase ao organismo completo ou incompleto que existiu noutros tempos e que conservou a súa forma primitiva convertido en pedra nos elementos da codia terrestre. Tamén se consideran fósiles as pegadas dos organismos ou impresións climatolóxicas. Para que un organismo poida fosilizar as mellores condicións son que posúa partes duras, como cunchas ou esqueletos, e que quede enterrado. A petrificación é a forma máis normal de fosilización. A petrificación consiste na substitución total ou parcial do organismo por unha materia mineral, como calcita, sílice ou pirita. A fosilización tamén a poden producir as augas subterráneas cando destrúen as partes duras do organismo e deixan sedimentos nun molde oco que reproduce a forma externa do organismo. As correntes subterráneas poden encher ese molde de minerais, o que fai que a súa configuración externa non sexa a mesma ca a orixinal. A carbonización é a forma máis simple de fosilización dos vexetais. Non é tan común a fosilización pola incrustación de resinas ou ámbar pero si é máis perfecta. A fosilización no xeo fixo que se atoparan cadáveres de animais mamíferos completos, con pelo e sangue. Nos xacementos de petróleo encontráronse rinocerontes conservados perfectamente. Para poder identificar un fósil incompleto débese comparar cos exemplares completos ou relacionalos coas especies semellantes que existen na actualidade. Os fósiles característicos son os que xa se coñecen e permiten identificar o estrato ao que pertence. A biocenose fósil é o nome da relación entre os vexetais e os animais que sempre aparecen fosilizados xuntos. Os fósiles viventes son as reliquias dos grupos biolóxicos xa coñecidos que viviron noutras épocas.
-
adx e s
Que ou quen é anticuado.
Ex: Ese moble ten tantos anos que xa é un fósil. Es un fósil, segues coas mesmas ideas de hai vinte anos.
-
fósil director
[ARQUEOL]
Elemento arqueolóxico que serve de pauta ou guía para identificar e datar unha etapa histórica.