fotometría
(< foto- + -metría)
-
s
f
[FÍS]
Parte da óptica que ten por obxecto a medición de magnitudes relativas ás radiacións luminosas como estímulos produtores de sensacións visuais. As magnitudes que considera a fotometría son: o fluxo luminoso, a excitancia luminosa, a intensidade luminosa, a iluminación e a luminancia. As magnitudes correspondentes a un emisor ou a un receptor teñen relación entre elas, de maneira que para un emisor ou un receptor ideal só é preciso coñecer unha das magnitudes para deducir as outras.
-
fotometría de chama
[QUÍM]
Método cuantitativo baseado na medida da intensidade da radiación que emite o elemento que se pretende determinar cando se excita dentro dunha chama, intensidade relacionada coa concentración deste elemento na solución problema. Esta é aspirada pola corrente gasosa e é introducida como aerosol na chama. A radiación que se emite diríxese a unha célula fotoeléctrica a través de filtros ópticos que eliminan os compoñentes debidos a outros elementos. Este método vese suxeito a moitas influencias, como a pouca estabilidade da chama, os efectos mutuos entre elementos emisores ou os efectos químicos de diversos anións, e, polo tanto, a exactitude non é moi grande. Por contra, a sensibilidade é elevada e o volume necesario de solución é moi pequeno; por iso é un método extremadamente útil para a análise de trazas, en particular de sodio e de potasio en materiais agronómicos e biolóxicos, e en análise clínica.