Mississippi

Mississippi

Gran río de América do Norte que recolle e leva cara ao golfo de México as augas das grandes chairas de EE UU, que atravesa de N a S. Nace en Elk Creek, unha das zonas de lagos de Minnesota, a 512 m de altitude, e ten unha lonxitude medida de 6.800 km desde o nacemento do Missouri, o que o converte no cuarto río máis longo do mundo. O seu caudal é o maior de América do Norte. En todo o seu percorrido é un río de chaira cunha pendente moi escasa o que fai que teña ata 1 km de ancho, e en tempo de enchenta inunde extensións extraordinarias. Os afluentes do Mississippi son de dúas clases: os da dereita, do O árido, proveñen da vertente oriental das Montañas Rochosas, de escasas precipitacións e polo tanto de pouco caudal, destaca o Missouri, o White, o Arkansas e o Red; os da esquerda proveñen da rexión dos Grandes Lagos e do sistema montañoso Allegheny, que son zonas ricas en precipitacións, destacando o río Ohio, que domina o seu réxime. Descuberto en 1541 por Hernando de Soto, foi unha gran vía de transporte ata Saint Louis e desempeñou un papel fundamental cando se aplicou o vapor á navegación. Historicamente, o seu val facilitou a penetración dos franceses, desde o N e desde o delta, que se instalaron por un tempo ás costas das colonias británicas situadas na costa atlántica. Tamén facilitou o avance dos españois desde Novo México e Texas. Durante o dominio francés das chairas centrais o gran río foi fronteira, e deixou de selo cando Louisiana foi liberada polos novos Estados Unidos.