Mississippi

Mississippi

Estado de EE UU, que recibe o seu nome do río Mississippi, o que constitúe o seu límite occidental (123.514 km2; 2.844.658 h [2000]). Limita ao N con Tennessee, ao L con Alabama, ao S co golfo de México e Louisiana e ao O con Arkansas. A súa capital é Jackson. A chaira aluvial do Mississippi esténdese desde o ángulo NO do estado ata Vicksburg. A agricultura ocupa á metade da poboación activa, con cultivos de cereais, forraxe, laranxas e algodón, que está moi mecanizado. A súa industria, máis atrasada, deriva da explotación forestal. É un dos estados menos desenvolvidos de EE UU, a pesar das súas boas condicións para o transporte e da abondosa dispoñibilidade de enerxía. O territorio, habitado polas tribos indias Chickasaw, Choctaw e Natchez, foi explorado por Hernando de Soto (1541), Jolliet e Marquette (1673) e Cavelier de la Salle (1682). Formou parte de Louisiana (1682), vendida pola monarquía hispánica a EE UU (1795) e por mor do desenvolvemento do cultivo algodoeiro foron introducidos nel gran cantidade de escravos. Uniuse á Confederación Sudista (1861), e durante o s XX houbo nel certa oposición á integración racial.