Missouri
Estado da rexión Central NO de EE UU, que limita ao N con Iowa, ao S con Arkansas, ao O con Oklahoma, Kansas e Nebraska e ao L con Illinois e Kentucky (180.516 km2; 5.595.211 h [2000]). A súa capital é Jefferson City. O curso inferior do Missouri, que atravesa o seu territorio de O a L ata chegar ao Mississippi, separa unha rexión N, alterada polos vales dos afluentes do Missouri e dominada por pradarías; e unha rexión S, de montes. Son importantes os seus recursos mineiros. A industria, con produción de material de transporte, automóbiles, industria alimentaria, refinarías de petróleo, petroquímica e maquinaria agrícola, é a primeira actividade económica do estado e atópase concentrada arredor das cidades de Kansas City e Saint Louis. Explorado o seu territorio por Jolliet e Marquette (1673), formou parte de Louisiana (1682) e logo pasou a EE UU (1803). Foi admitido como estado escravista da Unión (1822). A pesar da decisión de permanecer integrado á Unión (1861), a formación dun goberno escravista desencadeou unha guerra civil dentro do estado ata que foi controlado polos unionistas en 1864.