Mixós, Santa María de
Igrexa situada en Monterrei. Construída durante o s X, inicialmente debeu formar parte dun mosterio beneditino. En 1115 pasou a San Salvador de Celanova a consecuencia dunha doazón de Afonso VII, e con Carlos I pasou a depender de Monterrei. Ten tres naves separadas por piares e rematadas en ábsidas cuadrangulares por fóra e semicirculares por dentro, cubertas con bóvedas de aresta feitas de ladrillo. Presenta características propias dos estilos que se desenvolveron na Península Ibérica en época prerrománica (ss VI-X): visigodo, mozárabe e asturiano. Destaca o contraforte da esquina dunha das ábsidas laterais, posiblemente colocado para corrixir as deficiencias técnicas da construción inicial dos muros. As escavacións realizadas na década de 1960 mostraron a existencia de varias edificacións anexas. Foi declarada Ben de Interese Cultural en 1931.