Moçambique
Estado de África meridional que limita ao N con Tanzania, ao L co Océano Índico, ao S con Swazilandia e a República Sudafricana, ao O con Zimbabwe e Zambia e ao NO con Malawi (799.380 km2; 17.587.000 h [estim 2001]). A capital é Maputo.
Xeografía física
O sector N e NL é o máis accidentado, dominado por altiplanos, con altitudes que superan os 2.000 m. Máis ao N está a serra Namúli e o lago Niassa, polo centro do cal pasa o límite NO de estado co territorio de Malawi. O clima presenta unha estación cálida e chuviosa, na época do monzón do norte, e outra fría, que dura de abril a setembro. Os ríos máis importantes son o Zambeze, o Save e o Limpopo. A vexetación predominante ten carácter de sabana con árbores e de selva seca. Hai tamén galerías de bosque húmido.
Xeografía económica
A agricultura é a principal ocupación, onde o 4% do territorio está adicado aos cultivos. Os produtos principais son a cana de azucre, cultivada principalmente ao S, e o algodón, ao N. Outros cultivos son o sisal, té, cocos, cítricos, anacardios, cereais, raíces e tubérculos, legumes, oleaxinosas, hortalizas, froitas e tabaco. O bosque non está explotado axeitadamente, aínda que abunda a caoba, o ébano vermello e o cedro de Mulanje. A pesca é importante, e os crustáceos constitúen a primeira exportación visible. Ten moitos recursos minerais como bauxita, carbón, sal, amianto, uranio, cobre, diamantes, mica e carbón. A industria máis importante é a refinaría de petróleo de Matola, xunto con outras como as azucreiras, oliveiras, cervexeiras, téxtiles, alimentarias, de transformación metálica, químicas, de cemento e da madeira. O comercio exterior ten un claro signo deficitorio. As exportacións baséanse principalmente nos crustáceos, anacardios, algodón, azucre, petróleo, maquinaria, bens de consumo, materias primas, metais e produtos químicos; e as importacións consisten principalmente en maquinaria e bens de consumo. A unidade monetaria, o escudo de Moçambique, denominouse desde 1980, metical. Conta con 30.400 km de estradas das que soamente 5.685 (1999) están asfaltadas. Tamén conta con 3.123 km de vías férreas e 3.750 km de vías navegables internas, a maioría pertencentes ao río Zambeze. Os portos principais son Maputo e Beira.
Xeografía humana
Cunha das densidades máis baixas do mundo, a poboación agrúpase principalmente ao NL e ao S do país. A poboación rural representa o 59,8%.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
A lingua oficial é o portugués, pero tamén se fala o ronga, o changaan e o muchope. O grupo étnico principal, e case exclusivo, son os bantús (98,2%) que contrasta cunha pequena representación de europeos (0,2%). A relixión maioritaria é a animista (47%), seguida da musulmá (28,2%), a católica (11,6%) e a protestante (9,2%). A educación obrigatoria aínda non está imposta e a falta de profesorado dificulta a expansión da educación primaria e secundaria. En 1998-1999 só 1.918.400 alumnos asistiron á escola primaria e 277.421 á secundaria. Os estudos universitarios impártense na capital, na universidade Eduardo Mondlane (1962).
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Moçambique entre os países cun desenvolvemento humano baixo (ocupa o 157º posto cun índice de 0,323). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 44 anos para os homes e 47 anos para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 44% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 23% e o PNB por habitante é de 220 $ EE UU.
Goberno e política
Antiga colonia portuguesa que acadou a independencia o 25 de xuño de 1975. Segundo a Constitución do 30 de novembro de 1990, modificada en 1996, o presidente da república, tamén xefe do executivo, é elixido mediante sufraxio universal por un mandato de 5 anos. O poder lexislativo reside nun órgano unicameral denominado Assembleia da República, formada por 250 membros elixidos por cinco anos mediante un sistema proporcional. O sistema xudicial está baseado na lei civil portuguesa e nas leis consuetudinarias, e conta cunha Corte Suprema, formada por xuíces elixidos pola Assembleia da República e polo presidente, e con xulgados que se ocupan de temas administrativos ou laborais, entre outros. A principias forzas políticas son a Frente de Libertação de Moçambique (FRELIMO); a coalición autoritaria multipartidista Resistencia Nacional Moçambicana-União Electoral (REMANO-UE) formada pola Resistencia Nacional Moçambicana (RENAMO), a Aliança Independente de Moçambique, o Movimiento Nacionalista Moçambicano, o Partido de Convenção Nacional, o Partido de Unidade Nacional, a Frente de Acção Patriotica, o Partido Popular de Moçambique e a Frente Unida de Moçambique; e partidos minoritarios como o Partido Trabalhista (PT), o populista Partido Liberal e Democrático de Moçambique (PALMO), o Partido Social-Liberal e Democrático (PSLD), União Moçambicana de Oposição (UMO) e União Democrática (UD). Forma parte das seguintes organizacións internacionais: Commonwealth, Comunidade para o Desenvolvemento de África do Sur (SADC), Organización da Conferencia Islámica (OCI), Organización da Unidade Africana (OUA), e está asociado a UE.
Historia
Das orixes ao dominio portugués
Habitada por tribos bantús, as costas de Moçambique foron visitadas por fenicios, exipcios e árabes. Os primeiros europeos en chegar foron os portugueses Pero da Covilhã e Vasco da Gama (1498). No s XVII os portugueses venceron definitivamente ao Reino de Monomatapa, aos holandeses (1608) e aos árabes de Masqat (1692). En 1752 a colonia acadou unha certa autonomía e durante os ss XVIII e XIX anexionou aínda diversas rexións veciñas, mentres continuaba o comercio de ouro, marfil, metais preciosos e escravos. Os portugueses beneficiáronse da rivalidade colonial anglo-alemá, que impediu un repartimento de Moçambique entre as súas potencias (1898-1900) e permitiu novas anexións de territorios alemáns despois da Primeira Guerra Mundial.
O camiño cara á independencia
En 1951 tres partidos nacionalistas (UDENAMO, MANU e UNAMI) fundaron a Frente de Libertação de Moçambique (FRELIMO), que desde 1964 emprendeu a loita contra as forzas coloniais. Coa revolución portuguesa do 25 de abril de 1974 iniciouse a descolonización e conseguiron a independencia como República o 25 de xuño de 1975. Promulgouse a primeira constitución e o FRELIMO pasou a ser o único partido político permitido e o seu líder, Samora Machel, o xefe de estado e do goberno. O réxime socialista puxo en marcha un amplo programa de nacionalizacións e de fomento do cooperativismo. Non obstante , a causa da ineficacia da nova administración, axiña se moderou este programa.
A nova constitución democrática
En 1976-1980 a fronteira con Rhodesia quedou pechada e os gobernos de ambos os dous países prestáronlles apoio ás guerrillas que cooperaban no estado veciño. A situación resolveuse coa proclamación da república de Zimbabwe na antiga Rhodesia. Mentres, a República Sudafricana sustentou a guerrilla opositora Movimento Nacional da Resistência de Moçambique (MNR ou RENAMO), que desde 1980 intensificou as súas accións. En 1986 morreu Samora Machel, que foi substituído por Joaquim Chissano. En 1989 o réxime de Maputo renunciou ao marxismo-leninismo, e ao ano seguinte foi proclamada unha nova constitución, que prevía a instauración dun réxime democrático e a introdución da economía de mercado. En 1992 asinouse un tratado de paz entre o FRELIMO e os rebeldes de RENAMO, que acordaba un repartimento do poder. A pesar de todo, o FRELIMO gañou as eleccións lexislativas e presidenciais celebradas en 1994, e non aceptou un pacto de goberno coa RENAMO. Chissano foi reelixido presidente e acadou de novo o cargo en 1999.