mofo

mofo

(< voz expresiva)

  1. s m [FUNGO]

    Fungo microscópico saprófito que crece sobre diversos substratos orgánicos e que forma unha capa semellante ao algodón, xeralmente de cor branca. Refírese especialmente ás especies da familia das mucoráceas, da clase dos cigomicetos, e aos individuos do grupo dos deuteromicetos. Destacan as especies Mucor mucedo ou o xénero Penicillium.

  2. s m [PLANTA]

    Planta briófita integrada na clase das briópsidas que posúe un aparato vexetativo diferenciado en caulidio e filidios. Presenta alternancia de dúas xeracións heteromórficas: o gametófito haploide que se corresponde co aparato vexetativo e o esporófito diploide que vive á súa expensa. O gametófito non presenta un tecido condutor; está formado por pequenos caulidios e filidios en disposición helicoidal e recubertos de pequenas láminas verdes que aumentan a súa superficie para a absorción de auga, e posúen rizoides que lle serven só de fixación. No gametófito están os órganos sexuais, anteridios e arquegonios, no primeiro fórmanse os espermatozoides e no segundo desenvólvese a ovocélula. Cando os espermatozoides están maduros a auga da chuvia permite e favorece a fecundación da ovocélula, feito que dá lugar a un cigoto diploide que se transformará en esporófito, formado por un pé longo e unha cápsula onde se forman as esporas por meiose. Estas esporas, ao caer ao solo húmido, xerminarán e orixinarán un novo gametófito. Son plantas abundantes en toda Galicia e colonizan todo tipo de medios: salinos, rochas, solos encharcados, como os boedos onde o Sphagnum (utilizado durante a Segunda Guerra Mundial para a confección de apósitos) é o seu principal colonizador; e tamén en auga totalmente somerxidos, como o Fontinalis que serve como bioindicador de polución.

    Sinónimos: carriza.
  3. s m [MICOL]

    balor.

  4. s m

    ferruxe.

Formas incorrectas

musgo