Moldavia

Moldavia

Rexión histórica do L de Europa, dividida entre Romanía e o estado de Moldavia. Limita ao O cos Cárpatos Orientais, ao N e o L con Ucraína e ao S co curso inferior do río Siret e Ucraína. Ata o s XIII foi poboada, sucesivamente, por romanos, godos, hunos, eslavos, ávaros, búlgaros, maxiares e tártaros. Apareceu como estado feudal baixo Bogdan I (1359-1365), primeiro príncipe independente de Moldavia. Os príncipes sucesivos, especialmente Pedro I (1374-1392) e Alexandre o Bo (1400-1432), conseguiron agrandar o territorio, pero a plenitude non chegou ata Estevo III o Grande (1457-1504), quen derrotou os húngaros (1467) e aos turcos (1475). Desde 1538 quedou sometida aos turcos, e durante os ss XVI-XVIII intensificouse a opresión sobre os labregos (dominación da Sublime Porta). Rematada a Guerra Ruso-turca, (1806-1812) unha parte de Moldavia, Besarabia, foi incorporada a Rusia pola Paz de Bucarest. Despois do derrocamento do réxime turco-fanariota (1821) foi ocupada totalmente por Rusia (1828), que lle impuxo o denominado regulamento orgánico en 1832. Posteriormente, tivo lugar un período de desenvolvemento económico, pero non político, que orixinou a Conxura Confederativa (1839) e o movemento democrático da Asociación Patriótica (1846), que obrigaron ao príncipe Mihail Sturdza a fuxir (1834-1849). Pola Paz de París (1856), o S de Besarabia foi devolto a Moldavia e, posteriormente, uniuse con Valaquia (1859). Desde ese momento, a historia de Moldavia foi parte da de Romanía. Os territorios de Besarabia anexados a Rusia pola Paz de Bucarest (1812), excepto a parte do sur, formaron a República Autónoma de Moldavia (1920-1940), despois a República Socialista Soviética de Moldavia, e, coa desaparición da Unión Soviética, o estado independente de Moldavia (1991).