Moldavia

Moldavia
Nome científico: [nome oficial en rom: Republica Moldova]

Estado do L de Europa, que limita ao O con Romanía e ao N, ao L e ao S con Ucraína (33.700 km2; 4.285.000 h [estim 2001]). A capital é Chişinău.
Xeografía
O relevo desenvólvese nunha chaira moi desmembrada por vales fluviais e barrancos, e a meirande parte dela está comprendida entre os ríos Dniéster e Prut. No centro atópase a máxima elevación do país, o Kodry de 429 m. Ao N, a paisaxe está dominada pola estepa de Bel’cy, entre os 150 e 200 m de altitude, ao S, a chaira de Budzhak está rota por numerosos barrancos, e ao L atópanse algúns contrafortes dos altiplanos de Volin-Podol’sk. O clima é moderadamente continental, con invernos curtos e veráns prolongados e cálidos. Os ríos máis importantes son o Dniéster e o Prut, e os lagos principais o Beleu e o Drachele. Os bosques son principalmente de follaxe caduca. A agricultura está moi mecanizada e os cultivos máis estendidos son os vitícolas e as árbores froiteiras, mentres que o xirasol é o cultivo industrial máis importante, seguido do millo e do tabaco. Ten gandaría bovina e porcina por todo o territorio, e ovina ao S. Moldavia non é rica en recursos minerais, aínda que dispón de fosforita, lignitos e petróleo, por lo que a industria se desenvolve preferentemente a base de produtos agrícolas e se concentra en Chişinău e Bel’cy. A industria lixeira inclúe os sectores da pel, o calzado e o téxtil. Importa de Rusia, Ucraína e Bielorrusia, especialmente produtos minerais, maquinaria agrícola, automóbiles, tecidos, peles, la e algodón, e exporta alimentos, manufacturas básicas e maquinaria, especialmente a estes países. A maior parte da poboación é rural (53,9%) e hai poucas e pequenas cidades. As máis importantes son Chişinău, Tiraspol’, Bel’cy e Tighina.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural

O maior grupo étnico é o moldavo, que representa o 64,5% da poboación. Outros grupos son os ucraínos (13,8%), os rusos (13%), os gagauz (3,5%) e os búlgaros (2%). O 55,6% da poboación declárase atea ou non relixiosa e o 44,4% practican a relixión ortodoxa. A lingua oficial é o moldavo.
Desenvolvemento humano

O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Moldavia entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 98º posto cun índice de 0,699). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 64 anos para os homes e 72 anos para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 98,9% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 72%; e o PNB por habitante é de 410 $ EE UU.
Goberno e política

É república independente da Unión Soviética desde o 27 de agosto de 1991. Segundo a Constitución do 28 de xullo de 1994, que substituíu a antiga constitución soviética de 1979, o presidente da república é elixido para un período de 4 anos polo Parlamentul. O poder lexislativo reside nun órgano unicameral denominado Parlamentul formado por 101 membros elixidos durante 4 anos mediante un sistema proporcional. O sistema xudicial baséase na lei civil e conta cun Tribunal Constitucional que revisa a legalidade das leis lexislativas e as decisións do goberno. Desde 1995 a pena de morte quedou suprimida. As principias forzas políticas son: o comunista Partidul Comunistilor din Republica Moldova (Partido Comunista da República de Moldavia, PCRM); a alianza electoral denominada Alianta Braghis formada, entre outros, polos centristas Miscarea Social-politică Forta Nouă, (Movemento Político-social Forza Nova), Miscarea Profesionistilor Speranta-Nadejda (Movemento dos Profesionais Esperanza) e o Partidul Socialist din Moldova (Partido Socialista de Moldavia); o Partidul Democrat din Moldova (Partido Demócratico de Moldavia, PDM); o Partidul Social-Democrat din Moldova (Partido Social-Demócrata de Moldavia, PSDM); o Partidul Tărănesc Crestin Democrat din Moldova (Partido dos Campesiños Democratacristiáns, PTCDM); e o Partidul Democrat Agrar din Moldova (Partido Democrático Agrario de Moldavia, PDAM). Forma parte das seguintes organizacións internacionais: Consello de Europa, Comunidade de Estados Independentes (CIS), EBRD, ONU e OSCE.
Historia


Un país de recente creación

Coñecida historicamente como Besarabia, Moldavia non acadou este nome ata 1940. Estivo ocupada por Rusia desde 1828 e o establecemento da URSS trouxo a creación da República Autónoma de Moldavia en 1920 e, en 1940, da República Socialista Soviética de Moldavia. Por mor dos cambios político da URSS, no verán de 1989 constituíuse o partido nacionalista Frontulni Popular din Moldova (Fronte Popular de Moldavia), e declarouse ilegal a anexión de Besarabia á URSS en 1940.
A independencia e os primeiros comicios electorais

Moldavia proclamouse independente o 27 de agosto de 1991, e incorporouse á CEI en decembro do mesmo ano. As eleccións de 1991 gañounas Mircea Snegur. O goberno intentou incorporar Moldavia a Romanía, pero o proxecto abandonouse a causa da difícil situación económica e da oposición das minorías rusa e ucraína. A partir de 1992 producíronse conflitos interétnicos protagonizados por eslavos do Dniéster, a rexión coñecida como Transdnestria, que, co apoio de Rusia, se enfrontaron ao goberno e obtiveron unha autonomía que lles outorgaba amplos poderes. En febreiro de 1994, o PDAM gañou as primeiras eleccións multipartidarias. O 6 de marzo de 1994, nun referendo, o 95% dos votantes inclinouse por continuar coa independencia. As eleccións de 1996 deron a vitoria a Petre Luchinsky, partidario de estreitar as relacións coa Federación Rusa, que en xaneiro de 1997 substituíu a Snegur na presidencia e nomeou a Ion Cebuc primeiro ministro. Nos comicios de 1998 e 2001, o PDM foi substituído polo PCRM e Vladímir Voronin e Vasile Tarlev convertéronse, respectivamente, no presidente da República e no primeiro ministro do país.