Molina Sánchez, César Antonio

Molina Sánchez, César Antonio

Escritor e xornalista. Director do Instituto Cervantes (2004), licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, doutorouse en Ciencias da Información pola Universidad Complutense de Madrid e diplomouse en Lingua e Literatura Italiana pola Universidade de Peruggia. Director do Círculo de Bellas Artes (1996-2004) e da revista de poesía La alegría de los naufragios, foi responsable da área de cultura e do suplemento Culturas do xornal Diario 16, e colaborador de Cuadernos para el diálogo, El País, La Vanguardia ou La Voz de Galicia. Da súa extensa obra como poeta destacan Épica: cuadernos de poesía, incompleta (1974), Las ruínas del mundo (1991), Para no ir a parte alguna (1994), Poemas (1995) e Olas en la noche (2001). Como ensaísta publicou Sobre el liberalismo y otros escritos de literatura portuguesa (1990), Sobre la inutilidad de la poesía (1995) e Nostalgia de la nada perdida: ensayo sobre narrativa contemporánea (1996). Tamén realizou traducións ao castelán, como Hierba aquí o allá (1988), de Álvaro Cunqueiro, ou De los archivos del trasgo (1989), de Rafael Dieste; traballos de investigación como La prensa literaria en Galicia (1809-1920) (1989), La prensa literaria en Galicia (1920-1960) (1989), Medio siglo de prensa literaria española (1900-1950) (1990); e participou nas edicións de antoloxías poéticas de Manoel Antonio (1983), Álvaro Cunqueiro (1983) e Salvador Espriu (1986). Escribiu o libro El Fin de Finisterre: viaje a Costa da Morte (1992), con fotografías de Xurxo Lobato, e as novelas Vivir sin ser visto (2000) e Regresar a donde no estuvimos: memorias de ficción (2003), onde se reflicten algúns aspectos da súa propia biografía. Membro da Association Internacionale des Critiques Litteraires, recibiu o XLVI Premio Fernández Latorre de xornalismo (2004) polo seu artigo “Atocha”.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : A Coruña