Mónaco
Estado de Europa situado na Costa Azul, entre Niza e Menton, e que ocupa unha estreita franxa da badía que se abre ao pé dos Alpes Marítimos, entre os cabos de Ail, ao O, e Martin, ao L (1,95 km2; 34.000 h [estim 2001]). A súa capital é Mónaco.
Xeografía
Está constituído por tres núcleos urbanos ao redor do porto: Mónaco, ao SO, capital e antiga fortaleza, La Condamine, no centro, onde se sitúa o porto principal, e Monte-Carlo, ao N. O territorio redúcese principalmente a un promontorio rochoso, onde se sitúa o centro, e en cuxas abas está o resto da cidade. A área de Fortvieille creouse gañando terra ao mar. A súa economía baséase principalmente no turismo, que xera máis do 25% dos ingresos, e nos sectores bancarios e financeiros. Os baixos impostos e o secreto bancario atraeu a compañías e particulares que intentan evitar os impostos. O sector industrial tivo un importante desenvolvemento a partir de 1945, sobre todo, na industria química, equipamento electrónico, téxtil ou do papel. Outra fonte importante de ingresos son os casinos. A partir de 1970, o turismo cambiou de signo e os hoteis de luxo pasaron a ser, no inverno, sedes sociais de temporada para grandes empresas estranxeiras. Tamén as multinacionais da industria aproveitaron as facilidades fiscais do país para establecer nel oficinas e fábricas. O porto é exclusivamente turístico. Mónaco é o país que rexistra a maior densidade de poboación do mundo .
Sociedade e goberno
A lingua oficial é o francés, pero tamén se fala o ligur e o occitano. A relixión maioritaria é a católica, co 81,2%. Segundo a Constitución do 17 de decembro de 1962, revisada o 2 de abril de 2002, é unha monarquía constitucional. O poder executivo correspóndelle ao príncipe que designa a un ministro de Estado e a tres conselleiros do goberno. O poder lexislativo recae no Conseil National, órgano unicameral composto por 24 membros elixidos durante 5 anos. O seu sistema xudicial, que está baseado na lei francesa, conta cun Tribunal Supremo e non acepta a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza. Non existen os partidos políticos e os candidatos agrúpanse en listas para presentarse ao Conseil National, das que destacan a liberal Union pour Monaco (UPM) formada por Union Nationale pour l’Avenir de Monaco (UNAM) e Rassemblement pour la Famille Monégasque (RFM); e a conservadora Union Nationale et Démocratique (UND). Forma parte das organización internacionais ONU e OSCE.
Historia
Foi dominio fenicio e máis tarde de Grecia e de Roma. O Emperador Odón I outorgoulle a señoría aos Grimaldi, de Xénova, aínda que non tomaron posesión dela ata 1297. Autónomo baixo a protección de Luís II de Provenza, cando morreu este pasou aos Grimaldi definitivamente (1419). Estivo baixo a tutela hispánica (1524-1641) e a de Francia (1641-1793), e esta anexionou o principado en 1793, aínda que o Congreso de Viena llo restituíu aos Grimaldi (1815) baixo a protección do Reino de Sardeña. En 1861 Mónaco pasou a ser independente e Alberte I concedeu a primeira constitución en 1911. Luís II (1922-1949) recoñeceu a súa filla natural Carlota, e o fillo desta, Rainiero III, sucedeuno en 1949 e promulgou unha nova constitución en 1962. En 1967 o principado adquiriulle a A. Onassis a maior parte das accións da sociedade que explota os principais casinos, que constituíron o motor económico do país. En 1997 Paul Dijoud foi substituído por Michel Lévêque como xefe de goberno e celebrouse o 700 aniversario do principado e da dinastía Grimaldi. En 2000 foi elixido xefe do goberno Patrick Leclercq.