Mongolia

Mongolia
Nome científico: [nome oficial: República Popular de Mongolia; khalkha: Büged Nayramdah Mongol Ulas]

Estado de Asia central, situado entre Rusia, ao N, e China ao L, ao S e ao O (1.569.600 km2; 2.416.000 h [estim 2001]). A súa capital e Ulan Bator.
Xeografía física

Mongolia ocupa o centro dun mar desecado. O N e o O están formados por unha serie de altiplanos esteparios atravesados por cordilleiras montañosas como os montes Altai, Khangaj e Tannu-Ola. É unha rexión con grandes depresións lacustres, onde nacen os ríos Ienisei, Selenge e Orkhon. A meirande parte do S e o L está ocupada polo deserto de Gobi. O clima é continental extremo, cunha ampla oscilación térmica diaria e estacional no N e no O, e desértico e semidesértico no L e no S. O bosque de coníferas aparece só nas altas montañas, o resto son estepas e deserto no S.
Xeografía económica

Dentro da economía socializada e planificada de Mongolia, a gandaría é a principal actividade (carne de gando ovino, bovino, caprino, cabalar, peles, leite e la). Os principais cultivos son o trigo, que cobre as necesidades da poboación, a pataca, o orxo, a cebada, a forraxe e as hortalizas. O subsolo proporciona carbón, ouro, tungsteno, manganeso, zinc, chumbo, estaño, molibdeno e minerais non metálicos como alabastro, sal e sobre todo fluorita. Tamén foron importantes os sectores da madeira e a pesca. A economía mongol foi cambiando gradualmente baseándose nunha economía de libre mercado por medio de privatizacións e reformas dos prezos, solicitando ademais, axudas internacionais e do sector estranxeiro. As industrias máis salientables son as téxtiles, as metalúrxicas, as do cemento, a pel, a la, os materiais de construción, a madeira, o calzado, o xabón, e as alimenticias e de bebidas. Cando en 1983 se expulsou a unha parte da minoría chinesa, Mongolia saíu perxudicada porque perdeu man de obra cualificada e minguou o seu papel de país de tránsito entre China e URSS. Exporta peles, la, téxtiles, gran, madeira e carne, principalmente aos países da CEI e China. As importacións consisten basicamente en maquinaria e equipos, petróleo, metais, manufacturas de consumo e materias primas, e proceden na súa meirande parte dos antigos países socialistas, con Rusia na cabeceira. O transporte de mercadorías realízase por ferrocarril. Os camións, que fan case todo o resto, fano normalmente por estradas de terra. Ao comezar os planos quinquenais en 1951, Mongolia era un dos estados máis atrasados do mundo. Os progresos foron considerables e o ritmo mantívose durante sete planos consecutivos. O nivel de renda por habitante é máis alto que a media asiática e está moi por enriba do chinés.
Xeografía humana

Algo máis da metade da poboación, o 63,5%, vive en núcleos urbanos, dos que destacan Ulan Bator e Darhan.
Sociedade e goberno


Diversidade étnica e cultural

Os mongois son a etnia maioritaria (89%) fronte aos kazakh (5,9%), buriatos (1,7%) e outros grupos (3,4%). A lingua oficial é o khalkha. O 95,8% da poboación profesa a relixión budista e o 4,2% a musulmá. A educación é obrigatoria entre os 8 e os 16 anos. Durante o curso 1998-1999, 251.476 alumnos asistían a 650 escolas primarias, mentres que 161.520 alumnos estudaban ensino secundario e 65.272 cursaban estudos superiores.
Desenvolvemento humano

O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Mongolia entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 116º posto cun índice do 0,569). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 65 anos para os homes e de 68 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 98,9% da pobación; o índice bruto de escolaridade é do 58%; e o PNB por habitante é de 390 $ EE UU.
Goberno e política

Segundo a Constitución de 12 de febreiro de 1992 Mongolia é unha república parlamentaria. O presidente resulta elixido democraticamente por un período de catro anos, ao igual co parlamento onde reside o poder lexislativo. Este órgano unicameral denomínase Ulsyn Ikh-Khural (Asemblea do Grande Estado ou Grande Estado Hural) e está composto por 76 membros elixidos por 4 anos mediante circunscricións uninominais. O seu sistema xudicial baséase nunha mestura dos sistemas ruso, chinés e turco. Conta cun Tribunal Constitucional e cunha Corte Suprema que serve como tribunal de apelación, e os xuíces son nomeados polo Consello Xeral dos Tribunais baixo a aprobación do Ulsyn Ikn-Khural. Non acepta a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza e está en vigor a pena de morte. As principais forzas políticas son o ex Partido Comunista, denominado Partido Popular Revolucionario Mongol (PPRM); o conservador Partido Nacional Democrático Mongol, tamén coñecido como Unión Democrática; o Partido Social-Demócrata; o Partido para la Renovación Democrática de Mongolia; e o Partido Socialista Nova Democracia de Mongolia. Pertence ás seguintes organizacións internacionais: EBRD e ONU.
Historia

Habitado desde o s III por diversas tribos nómades turcas e mongólicas, o país foi unificado politicamente (ss XII-XIII) por Xenguis Khan, que levou a termo unha expansión por Asia e Europa e contribuíu a un grande intercambio cultural entre Asia e Occidente. Desde o comezo do s XIV dividiuse en dous khanatos rivais: ao O, o dos mongois occidentais (ou calmucos, ou oirates), e ao L, o dos mongois orientais, onde os khalkhos constituíron o grupo máis numeroso. Xa desde o principio os calmucos aseguraron a súa supremacía. A pesar da enerxía de Dayan Khan (1470-1543) e de Altan Khan (1543-1583), soberanos dos mongois orientais, estes non conseguiron eliminar o perigo calmuco. No s XVI tivo lugar a conversión dos mongois orientais ao budismo lamaísta tibetano. En 1602, instaurouse o réxime teocrático, e o poder mongol debilitouse e fragmentouse, e entre 1635 e 1691 as diversas tribos do L (čahar, ordos, khalkha) fóronse sometendo aos emperadores chineses manchús. Non obstante, os calmucos non se someteron ata finais de 1757 despois dunhas terribles matanzas. Ao longo dos ss XIX-XX foi continuamente escenario da rivalidade ruso-chinesa. Co afundimento do Imperio Manchú, en 1911, unha asemblea proclamou a independencia de Mongolia Exterior baixo a soberanía do khutukhtu, cun réxime socioeconómico semifeudal (Mongolia Interior, en cambio, seguiu unida a China). Os chineses tentaron novamente anexar o país, mais sen éxito. En 1920-1921, o país foi ocupado polo exército ruso branco, e en 1921 as tropas xaponesas ocuparon a capital e implantaron o réxime monárquico de Bogdo-Gegen-Khan. O mesmo ano, as tropas soviéticas entraron no país e instalaron un goberno provisional en Urga. Á morte do rei, en 1924, foi proclamada a República Popular de Mongolia, baixo o mando de Khorlogijin Čojbalsan. Ata 1929 o novo réxime liquidou os restos de feudalismo e repartiu as terras. En 1945 celebrouse un plebiscito que ratificou a independencia de Mongolia, e o Partido Revolucionario Popular transformou as estruturas socioeconómicas. Na tensión soviético-chinesa Mongolia púxose de parte de URSS (1962). Mantivo incidentes fronteirizos con China durante a década de 1970 e expulsou a milleiros de inmigrantes chineses. En 1971 morreu J. Sambuu, xefe de estado desde 1954. Sucedeuno (1974) Cedenbal, quen en 1984 foi substituído por J. Batmönh. A abertura da perestrojka soviética tivo, de xeito semellante, notables repercusións sobre as estruturas gobernamentais mongólicas: así, mentres o partido dominante -o Partido Popular Revolucionario Mongol (PPRM)- renunciaba ao monopolio do poder en febreiro de 1990, a Unión Democrática, partido creado no decembro anterior, convertíase no voceiro das aspiracións democráticas do país. En xullo de 1990 o goberno convocou eleccións, que gañou o PPRM, e Punsalmaagyn Otsirbat accedeu á presidencia. En 1993 tiveron lugar as primeiras eleccións presidenciais directas, que ratificaron a Otsirbat no poder. As manifestacións populares contra o goberno levaron á vitoria da Unión Democrática nas lexislativas de 1996, e Mendsaiban Enksikhan foi nomeado primeiro ministro. En 1997, Otsirbat foi substituído por Nachagyn Bagabandi no cargo de presidente, e no verán o partido da Unión Democrática perdeu a maioría absoluta no parlamento. Desde 1990 a política económica gobernamental caracterizouse pola adopción dunha economía de mercado con privatizacións, liberalización dos prezos e abolición dos aranceis ao comercio, entre outras medidas. Desde 2000 Nambaryn Enkhabayar (PRPM) é o primeiro ministro.