Montana
Estado de EE UU (380.848 km2; 902.195 h [2000]). Limita ao N coas provincias canadenses de Columbia Británica, Alberta e Saskatchewan, ao L con Dakota do Norte e Dakota do Sur, ao S con Wyoming e ao SO e ao O con Idaho. A capital é Helena. Presenta dúas grandes rexións naturais, ao L, unha rexión plana, que constitúe o extremo noroccidental das grandes pradarías americanas; e ao O, unha serie de cordilleiras con dirección NO-SL e con cumios que superan os 3.000 m. A actividade económica baséase na minaría, coa extracción de manganeso, cinc, lignitos, prata, cobre, e a agricultura de tipo extensivo. Nas áreas montañosas practícase a gandaría e a explotación forestal. A industria, que ocupa un segundo termo, deriva da actividade agropecuaria, derivados do petróleo e serradoiros. Percorrido o territorio por comerciantes franceses desde 1742, dependeu de Louisiana e pasou a EE UU en 1803. O descubrimento de xacementos de ouro (1860-1864) non activou a poboación, pero derivou no enfrontamento cos indios (1870-1881). Constituíuse en territorio en 1864 e estado da Unión en 1889.