Montanos Montaos

Montanos Montaos

Familia de prateiros de orixe valisoletana establecida en Ourense e activa durante o s XVII. Marcelo de Montanos , proxenitor da familia, instalouse en Ourense en 1608. Do seu obradoiro saíu o cetro de prata para o mosteiro de San Xiao de Samos, a custodia e o relicario para a igrexa de Santa María de Escornabois (Trasmiras), así como traballos para as igrexas de Santiago de Gustei (Coles) ou San Bartolomeu de Berrande (Vilardevós). O seu fillo, Isidro de Montanos , realizou varias lámpadas de prata para o convento de San Rosendo de Celanova e cruces de prata para as igrexas de San Salvador de Sande (Cartelle) e Santa María de Vilar de Ordelles (Esgos), así como varios cetros de prata xunto con Bertomeu Serrano, e unha custodia para a catedral de Ourense. O fillo deste, Isidro de Montanos foi pincerna da catedral de Ourense desde 1675. Realizou unha cruz procesional para a igrexa de Santa Ouxea de Lobás, con Francisco Rodríguez, e unha cruz de prata por encargo do abade de San Cibrao das Viñas. O seu irmán Eloi de Montanos , estableceuse en Verín e realizou un viril de prata para a confraría da Concepción da parroquia de Monterrei. Antonio de Montanos , traballou en Santiago de Compostela, como prateiro do arcebispo Monroy; son súas as dúas gradas superiores das catro de prata do altar maior da catedral (1697).