Monteira, A

Monteira, A

Semanario publicado en Lugo a partir do 5 de outubro de 1889. Cesou o 27 de decembro de 1890 (nº65). Saíu baixo o subtítulo “Somanario de intreses rexionales e literatura”. Fundado por Manuel Pardo Becerra e Amador Montenegro Saavedra, estivo dirixido por este último. Foi unha das revistas culturais máis importantes da súa época, continuadora do xornalismo iniciado por O tío Marcos d’a Portela. Definida como rexionalista, foi a primeira en defender a cultura de Galicia mediante o uso do galego. A propaganda política, as campañas rexionalistas, a defensa da lingua e das letras galegas, a literatura e a recompilación etnográfica da literatura popular foron os seus principais contidos. Por outra banda, cómpre subliñar o interese pola cultura portuguesa e polas iniciativas sociais, como a Academia Galega ou a Asociación Rexional de Escritores e Artistas Galegos. Ademais, desde as súas páxinas criticáronse os textos da literatura castelá que ofrecían unha imaxe irreal dos galegos. A poesía foi o seu xénero máis cultivado, cunha gran variedade de rexistros e temas, e nela destacaron Barcia Caballero, Alfredo Brañas, Filomena Dato Muruais, Antonio de la Iglesia, Roque Pesqueira e Eladio Rodríguez. No ámbito da prosa, menos representada, cómpre salientar os textos de M. Amor Meilán ou M. López Prado, os cantares e contos recollidos polo director do semanario e outros colaboradores, dúas coleccións de refráns de Saco e Arce e Marcial Valladares, e artigos de Xulio Alonso, X. Cuveiro Piñol e Xaquín M. Saavedra. Tras o seu peche tivo unha breve continuidade a través da cabeceira O Labrego (1891).