Montero Ríos, Uxío
Político e xurista, irmán de Xosé Montero Ríos. Foi deputado (1869-1871 e 1886-1888) e membro da comisión encargada de redactar o texto da Constitución de 1869 na que defendeu a liberdade de culto. Coa chegada da Primeira República (1873-1874) e coa proclamación da Restauración borbónica (1874-1923) e de Afonso XII como rei de España, decidiu retirarse da política por non aceptar os novos sistemas, e dedicouse á avogacía. A súa carreira política flutuou dun grupo político a outro, entre o republicanismo e o monarquismo. Así, en 1882, pertenceu a Izquierda Dinástica, en 1884 ao Partido Demócrata, ao Partido Liberal Fusionista en 1885 e logo ao Partido Liberal. Foi ministro de Graza e Xustiza (1869-1873 e 1892-1893) e destacou tamén como reorganizador da Administración de Xustiza ao promulgar leis tan novidosas como a de Rexistro Civil (1870), a de Matrimonio Civil (1871) ou a Lei Orgánica do Poder Xudicial. Foi ministro de Fomento (1885-1886) e presidiu o Consello de Ministros (1905). Participou na fundación da Institución Libre de Enseñanza, onde ocupou o cargo de reitor (1877-1878), presidiu o Congreso Pedagóxico de Pontevedra (1887) e apoiou a Universidade de Santiago de Compostela. Defendeu a secularización da vida política e civil, a reorganización do sistema tributario, a ampliación do número de liberdades e a reforma do ensino apartándoo da influencia eclesiática. Asinou o Tratado de París (1869) tras a derrota ante EE UU. Como avogado, foi director dun dos bufetes máis prestixiosos de Madrid, decano do Colegio de Abogados de Madrid e presidente do Tribunal Supremo (1905). Escribiu El Futuro Cónclave (1877) e Las elecciones pontificias (1877).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Santiago de Compostela -
Deceso
Lugar : Madrid