Montes Capón, Xoán
Compositor e director de orquestra. Foi un dos máis importantes representantes do que se coñece como “Nacionalismo musical galego”. Comezou a carreira sacerdotal no seminario da súa cidade natal, no que formou un coro e compuxo obras de carácter sacro. Posteriormente deixou a vida relixiosa, aínda que permaneceu unido aos medios eclesiásticos; así, chegou a mestre de capela e organista da catedral de Lugo. Nesta cidade, foi o divulgador da música culta, dando a coñecer aos lucenses obras sinfónicas, de cámara e corais, que el mesmo interpretaba ao piano e ao órgano, cunha pequena orquestra, grupos de cámara ou coa banda municipal. Fundou en 1879 o Orfeón Lucense, logo rebautizado como Orfeón Galego, co que acadou triunfos en moitos certames. Tamén cómpre sinalar o seu labor de folclorista, ao colaborar na recollida de cantos populares con Casto Sampedro e Felipe Pedrell, para os seus respectivos cancioneiros (Cancionero Musical de Galicia e Cancionero Popular Español). Pero, ademais, foi un autor prolífico, aínda que limitado tecnicamente pola súa escasa formación, inicialmente autodidacta no mesmo seminario lucense e logo con Isidoro Blanco (organista da catedral, cargo que despois el mesmo desempeñou). A importancia da súa música provén, fundamentalmente, da súa produción profana de tipo popular. Das súas obras cómpre mencionar Alborada Gallega (primeiro premio no Certame de Vigo, 1888), Sonata Gallega Descriptiva (primeiro premio no Certame da Coruña, 1890) ou Aires Populares de Galicia (primeiro premio no Certame de Vigo, 1892). Merecen especial mención as seis Baladas galegas, para canto e piano: As lixeiras anduriñas, con letra de Salvador Golpe, Doce sono e Negra sombra, ambas con textos de Rosalía, Lonxe da terriña e O pensar do labrego, con letra de Aureliano Pereira, e Unha noite na eira do trigo, sobre un poema de Curros.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Lugo -
Deceso