Montseny Mañé, Federica

Montseny Mañé, Federica

Anarquista. Ingresou no sindicato de Profesións Liberais da CNT e lanzou unha campaña contra os trentistas desde El Luchador (1931-1933). Converteuse nunha das principais voceiras da FAI, aínda que non ingresou na organización ata a fin de 1933. En decembro de 1935, realizou, en compaña de Claro Xosé Sendón e Jaime Baella Pérez, unha viaxe de propaganda anarcosindicalista por Betanzos, Carballo, Cariño, A Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela e tivo, como acto central, o congreso da Confederación Regional Galaica celebrado na Casa do Pobo de Ourense e presidido por ela mesma. O percorrido foi recollido logo nunha serie de artigos publicados en La Revista Blanca, en que empezou a escribir desde moi nova e onde deu unha especial importancia á temática feminina. Membro do comité rexional da CNT de Catalunya en 1936, a partir dese ano pasou a formar parte do comité peninsular da FAI. Posteriormente, durante a guerra, afastouse da ortodoxia anarquista e aceptou ser ministra de Sanidade e Asistencia Social no goberno de F. Largo Caballero (novembro de 1936 - maio de 1937). Publicou as súas primeiras novelas, de éxito nos ambientes libertarios, como La Victoria (1925) e El hijo de Clara (1927), aínda que as súas ideas recóllense fundamentalmente nos folletos El anarquismo militante y la realidad española (1937), La Commune de París y la Revolución Española (1937) e Mi experiencia en el Ministerio de Sanidad y Asistencia Social (1937). No exilio volveu ao seu tradicional purismo antipolítico e asegurou o funcionamento da CNT “apolítica”. Continuou tamén a súa produción literaria entre a autobiografía e a divulgación en obras como Mujeres en la cárcel (1949), Cien días de la vida de una mujer (1949), Pasión y muerte de los españoles en Francia (1950), Heroínas (1964), Crónicas de CNT (1974), Qué es el anarquismo (1976) e Mis primeros 40 años (1987).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Madrid

  • Deceso

    Lugar : Toulouse