Moravia

Moravia

Rexión da República Checa, a máis poboada do país, situada entre Bohemia, ao O, e Eslovaquia, ao L (21.724 km2; 3.651.234 h [2001]). É unha rexión de contacto entre os últimos contrafortes do macizo herciniano de Bohemia e os Cárpatos Brancos. Entre ambos os dous insírese o val do Morava, que se abre, ao S cara á chaira Panónica e ao NL cara á conca do Oder. Constitúe unha ampla depresión, recuberta de sedimentos terciarios e cuaternarios que está bañada pola rede do Morava. Ao N, entre a serra do Hrubý Jeseník e os primeiros contrafortes occidentais dos Beskidy occidentais, comprende a Silesia, rica zona carbonífera. De chans fértiles, Moravia é unha das rexións agrícolas ricas de Europa Central. Produce cereais como o trigo e a cebada, patacas, remolacha azucreira, lúpulo, froita, liño, uvas e tabaco. Grazas aos seus ricos xacementos de lignito desenvolveuse unha importante industria siderúrxica e metalúrxica. Tamén son importantes outras industrias, máis estendidas, como a química, a téxtil, a da madeira, a da construción de maquinaria, a de curtidos e a alimentaria. O principal centro urbano é Brno, capital histórica e económica. Os primeiros habitantes de Moravia coñecidos foron os boios (s V a C). Posteriormente ocupouna o pobo xermánico dos marcomanos, e a partir do s III foi poboada polos eslavos. Despois da desaparición do Imperio Carolinxio, do que fora tributaria, o Príncipe Mojmir I fundou a Gran Moravia (830?), que chegou ao esplendor máximo en tempos de Svatopluk de Moravia (870-894). Posteriormente o Emperador Odón I anexionouna como marca do Sacro Imperio Romano-Xermánico (955), seguindo a sorte de Bohemia. Ao final da Idade Media, o progresivo descontento campesiño deu lugar ao movemento popular dos husitas. Despois da Primeira Batalla de Mohács (1526), o país incorporouse ao imperio dos Habsburgo. Ao acabar a Primeira Guerra Mundial (1918), formou parte de Checoslovaquia, ata que foi ocupada por Hitler (marzo de 1939) e pasou a formar parte do protectorado de Bohemia e Moravia, que desapareceu ao final da Segunda Guerra Mundial (1945). A partir dese ano, integrouse novamente en Checoslovaquia, ata que entrou a formar parte da República Checa o 1 de xaneiro de 1993.