Mordovia, República de

Mordovia, República de

República de Rusia que está situada ao NO da elevación do Volga (26.200 km2; 937.200 h [estim 1999]). A súa capital é Saransk. Está formada, na parte noroccidental, pola chaira dos ríos Oka e Don, con formas acumulativas de relevo, e ao SL pola elevación do Volga, que está atravesada por unha vasta rede de barrancos. O clima é continental moderado. Con chans selváticos e de chernozem, a turba domina os vales dos ríos Mokša e Sura. Dispón de recursos naturais como a calcaria, a dolomía, a turba, o xeso, a marga, a arxila e o gres, e ten a industria desenvolvida, principalmente nas ramas da construción mecánica, industria do metal e unha crecente industria química. En canto á economía rural, destaca o cultivo de cereais e de patacas, e na gandaría, o bovino e o porcino. Constituíuse en oblast’ autónoma en 1930, e en 1934 foi declarada república autónoma da República Soviética Federada de Rusia. Coa disolución da URSS (1991) pasou a ser República da Federación Rusa.