Xapón
Estado insular de Asia Oriental, situado ao N do Océano Pacífico, que se estende en dirección NL-SO e comprende 3.400 illas, as máis importantes (Hokkaidō, Honshū, Shikoku e Kyūshū) ocupan o 97% do territorio (377.824 km2; 127.435.000 (estim 2002). A capital é Toquio.
Xeografía física
A morfoloxía das illas é complexa a causa dos sucesivos dobramentos e dislocacións e da intensa actividade volcánica. Están flanqueadas por profundas fosas mariñas (Tuscarora, 10.374 m). As montañas ocupan 3/4 partes do territorio. Unha serra atravesa as illas en sentido lonxitudinal e outra esténdese en dirección NL-SO por Honshū central, ambas as dúas están afectadas perpendicularmente pola Gran Fosa. Os movementos sísmicos e as erupcións son intensas. As chairas, pouco extensas, son litorais e están formadas pola regresión do mar e a sedimentación aluvial. Os factores que inflúen sobre o clima son os monzóns e as correntes cálidas e frías do mar. As costas meridionais son máis temperadas, incluso en inverno, mentres en Hokkaidō e no N de Honshū as temperaturas son baixas; en verán, as diferenzas son menores. Os ríos son curtos e torrenciais e achegan unha gran cantidade de aluvións, que forman deltas, o máis longo é o Shinano. Abundan os lagos, entre os que destaca o Biwa. A flora é rica. Na parte meridional do país predomina o bosque laurifolio sempre verde (Camellietea japonicae). Na parte central e setentrional de Honshū e na maior parte de Hokkaidō a vexetación clímax é o bosque de folla caduca rico en especies (Fagetea crenatae). Nas montañas altas e na parte boreal de Hokkaidō domina o bosque de coníferas. Por riba dos 2.400 m predominan os prados alpinos.
Xeografía económica
Sector agropecuario
Os cultivos son case exclusivamente intensivos: arroz (metade da terra cultivada), cereais (trigo, orxo, avea e millo), patacas, patacas doces, soia, cacahuetes, legumes (fabas), hortalizas (coles, cebolas, tomates), tabaco, lúpulo, remolacha azucreira, cánabo, liño, cítricos (cuarto produtor do mundo), mazás, peras, ameixas, melocotóns, nésperas de Xapón, ananás e castañas. O rendemento é moi alto grazas á selección de sementes e ao uso xeneralizado de abonos e técnicas modernas. O bosque ocupa máis de 2/3 do territorio. Xapón é o principal consumidor de peixe do mundo, pola cantidade pescada ocupaba o 3º lugar mundial (5.176 t en 1999), aínda que ten serias dificultadees para a pesca de altura desde que en 1976 comezou a extensión a 200 millas das augas exclusivas de pesca. Destacan as capturas de baleas, a maioría delas en mares adxacentes a Xapón, e a recolección de algas e outras plantas acuáticas. Na costa de Shikoku e Kyūshū hai corais e perlas naturais (badía de Omura) e artificiais (viveiros de Toba).
Minaría e industria
Os recursos mineiros son insuficientes para o consumo a causa do crecemento industrial. Os grandes xacementos de carbón de Kyūshū e Hokkaidō son insuficientes e a industria siderúrxica depende das importacións. É o terceiro país en capacidade de refinado e traballo co petróleo en bruto da importación; as principais refinarías atópanse na zona petroleira (Akita, Hirasawa Niigata) e ao longo do Pacífico (Tokuyama, Yokohama, Shimizu,Ōita, Kameoka). Ten gas natural en Matsuzaki e minas de cobre, xofre, chumbo, cinc, ouro, prata, estaño, cromo, antimonio, amianto, arsénico, uranio, manganeso, molibdeno, tungsteno e sal. Produce enerxía eléctrica abundante e nuclear (32 centrais nucleares). A produción consolidou a Xapón como a segunda potencia manufactureira mundial. A industria básica principal é a siderúrxica. Na metalúrxica destacan as do aluminio, níquel, mercurio, cobre, cinc, chumbo, estaño e magnesio. O sector naval e o automobilístico tamén son importantes. A mecánica de precisión (óptica, reloxos, instrumentos xeodésicos), as telecomunicacións e a electrónica teñen un alto nivel tecnolóxico. Nas industrias téxtiles destaca a tradicional da seda, superada na actualidade polas fibras sintéticas e artificiais. A química está moi desenvolvida, sobre todo os fertilizantes (Hitachi, Saganoseki, Isaka, Nagoya) e colorantes, a química de base, os plásticos e as resinas, o caucho sintético, os pneumáticos, a celulosa e os produtos farmacéuticos. Tamén son importantes as industrias da madeira, do papel, o cemento e outros materiais para a construción, o calzado, o tabaco e as alimentarias.
Transportes e comunicacións
Xapón posúe unha das frotas mercantes máis grandes do mundo. Dispón de grandes portos como os de Kobe, Chiba eŌsaka. Ten unha boa rede de vías férreas polas que circulan os trens máis rápidos do mundo, a pesar do relevo accidentado, e máis dun millón de quilómetros de estradas. A illa de Honshū é a única unida ás outras tres illas principais por túneles submarinos. O aeroporto principal é o de Toquio.
Comercio exterior
O comercio exterior é dunha importancia vital para a economía. A balanza comercial é moi favorable: as exportacións exceden as importacións. Compensa amplamente a balanza de servizos e de transferencias, pero a saída de capitais é tan considerable que sobrepasa os beneficios comerciais. O mesmo turismo, en aumento, tamén deixa un saldo negativo. A gran dependencia de proverse de fóra, sobre todo de combustibles, a tendencia crecente ao investimento no estranxeiro e a desvalorización da moeda, a petición estranxeira, minguou en parte os beneficios do extraordinario esforzo produtivo e exportador.
Xeografía humana
Xapón ten unha alta densidade de poboación (337,27 h/km2) pero varía considerablemente segundo a rexión. Cun 78,8% de poboación urbana, a urbanización foi rápida, grazas ao crecemento industrial. O crecemento anual da poboación foi do 0,1% (2000-2005).
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
A sociedade está composta maioritariamente por xaponeses (99,1%) e conta cunha minoría de coreanos (0,5%), chineses (0,2%) e outros (0,2%). A lingua oficial é o xaponés. A maior parte é de relixión xintoísta e budista (90,8%), seguida de cristiáns (1,2%) e doutras relixións (8%).
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Xapón entre os países cun desenvolvemento humano alto (9° posto mundial cun índice de 0,938). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 77 anos para os homes e 84 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 99% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 84%, e o PNB real por habitante é de 26.940$ EE UU.
Goberno e política
Monarquía constitucional, a Constitución de 1946, que entrou en vigor o 3 de maio de 1947, estableceu un sistema parlamentario onde o emperador ten unha función representativa. O poder lexislativo correspóndelle á Kokkai (Dieta), composta por dúas cámaras cuxos membros son elixidos mediante sufraxio universal directo: a Sangi-in ou Cámara dos Conselleiros, formada por 247 membros elixidos para un período de 6 anos; e a Shugi-in ou Cámara dos Representantes, cuxos membros oscilan entre os 480 e os 500, elixidos para un período de 4 anos. A Kokkai ten tamén o control político e está presidida polo primeiro ministro, que é o xefe da maioría parlamentaria. O sistema xudicial baséase no dereito civil europeo, con influencias do inglés e do estadounidense. Acepta con reservas a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza. Os principais partidos políticos son o Partido Liberal Democrático, o Partido Democrático, o Partido da Renovación, o Partido Socialdemócrata, o Partido Comunista de Xapón, o Partido Conservador e a Liga Liberal. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Cooperación Económica Asia-Pacífico, EBRD, OCDE e ONU.
Historia
Da prehistoria ao shogunado
Habitado por pobos altaicos con achegas malaio-polinesias, no paleolítico xaponés, moi atrasado con respecto ao continente asiático, distinguíronse dúas culturas importantes, introducidas desde China: a de Iomon (s III a C), caracterizada polos recipientes de barro con debuxos cordados, e a de Iaoi (ss III a C -III d C) vinculada á practica da agricultura e ao desenvolvemento do emprego do metal. A introdución do cultivo do arroz orixinou a gradual unión dos pequenos estados e a aparición ao N de Kyūshū dunha autoridade política forte e centralizada, no denominado estado Iamato no s IV. Os avances da agricultura, da medicina e da astronomía mediante a escritura chinesa, permitiron a creación en Nara dun poder central cara a 660. O budismo e o confucianismo, introducidos desde Corea, reforzaron a idea de lealdade e os atributos do emperador. Os dous feitos máis importantes desta etapa foron a creación de diversas capitais, entre as que destacaron os centros urbanos de Heijo (Nara) (710-794) e Heian (Kyoto) (794-1185) e a codificación da vida social e política. O proceso de burocratización permitiu a ascensión sucesiva de dous clans, os Soga (587-647) e os Fujiwara (857-1068), que acadaron o poder hereditario á sombra do emperador. A pesar de todo, os numerosos nobres terratenentes acadaron unha grande autonomía e loitaron entre eles polas grandes propiedades.
O shogunado: o goberno baixo as dinastías Minamoto, Ashikaga e Tokugawa
Aínda que os clans Taira e Minamoto se disputaran o poder durante a idade de ouro da cabalaría xaponesa, a vitoria dos Minamoto (1185) iniciou un proceso centralizador con sede en Kamakura. Por primeira vez instaurouse un goberno militar, presidido polo shōgun, baseado na lealdade aos xefes militares locais. Entre 1219 e 1333 o clan Hōjō, no poder, rexeitou dous intentos de invasión dos mongois, en 1274 e 1281. Aproveitando a crise económica provocada polos gastos militares, o Emperador Go-Daigo, aliado con Minamoto Ashikaga Takauji, derrocou os Hōjō (1333). Tres anos máis tarde Takauji establecería unha corte imperial en Kyōto, enfrontada á de Go-Daigo en Ioshino, ata que este abdicou en 1392. Desde entón a autoridade do shōgun de Kyōto debilitouse e os nobres tornáronse practicamente independentes, o fraccionamento do imperio foi xeral e as revoltas multiplicáronse. Xurdiu entón unha nova clase social militar, a dos daimyōs, que construían grandes castelos, dispuñan de soldados profesionais e administraban directamente os feudos. Non obstante, foi unha época de expansión económica: a introdución do budismo zen e o reforzamento dos lazos comerciais e culturais con China e as illas Riu Kiu levaron á formación dunha burguesía urbana vinculada ao comercio. A prosperidade e a mobilidade social contribuíron á continuidade imperial e á unidade nacional cara ao exterior, a pesar da inestabilidade política. Os portugueses chegaron a Tanegashima en 1543, seguidos dos españois, que introduciron o cristianismo. As exportacións de Xapón neste momento centrábanse especialmente no algodón, a seda e as moedas, e os crecentes intercambios comerciais con Europa, China e Indochina permitiron o rápido fortalecemento da súa burguesía comercial. Entre 1565 e 1600 produciuse a reunificación xaponesa baixo a acción de tres nobres: Oda Nobunaga, Toiotomi Hideyoshi e Tokugawa Ieasu. Tokugawa, shōgun desde 1603, trasladou a corte a Edo (Toquio) e instaurou un estado centralista, que profesionalizou o exército, reformou a ciencia militar, someteu o comercio a un severo control, centralizándoo nalgúns portos, e prohibiu o cristianismo, que foi perseguido e exterminado despois da Batalla de Shimabara (1637). A instauración progresiva dunha radical política de illamento e xenofobia provocou que en 1640 só quedase na illa unha base holandesa en Nagasaki. O país foi reorganizado, transformouse a lexislación e estableceuse un sistema de garantías sociais que aseguraba a paz e a orde. Estas medidas permitiron unha forte expansión económica e demográfica durante o s XVII que beneficiou a burguesía urbana e a pequena nobreza, o que favoreceu un rebrote cultural. Pero no s XVIII producíronse unha serie de malas colleitas, fames, unha caída na demografía e o éxodo rural ás cidades. As clases guerreiras (bushi) arruináronse e crearon un malestar social, que se uniu ao que se vivía no campo. Os señores feudais, especialmente a familia Mito, e os bushi desocupados, proporcionaron a base militar aos comerciantes, con escaso poder político pero prestamistas de case toda a nobreza, incluídos os Tokugawa. En 1853 a intervención do almirante estadounidense Matthew C. Perry, que ameazou con bombardear Edo, precipitou a revolución, que se resumiu na apertura dos portos aos estranxeiros, a destrución do poder dos príncipes e a recuperación do poder imperial sobre o shōgun e unha maior mobilidade social.
A época Meiji: a apertura e a occidentalización de Xapón
En 1867 Mutsuhito I de Xapón (Meiji Tennō) recuperou os seus poderes e en 1868 proclamou a Carta dos cinco artigos, que destruía a clase militar dos bushi e consagraba o liberalismo económico e social. Suprimíronse as administracións locais autónomas, anulouse o hermetismo social e organizouse o exército, ao estilo alemán, a mariña, a imitación da inglesa, e o sistema financeiro e educativo, seguindo o modelo estadounidense. A man de obra abundante, barata e disciplinada foi a base dunha rápida industrialización. Terratenentes e industriais reclamaban o establecemento dun sistema parlamentario, pero foi a pequena nobreza urbana e liberal a que puxo fin ao tradicionalismo. As reaccións foron moi violentas e desembocaron na Revolta dos Samurais, en 1877. Ito Hirobuni copiou o parlamento de Alemaña, o que permitiu que a oligarquía financeira conservase o poder. Aínda que a democratización fracasou, isto non impediu un espectacular desenvolvemento económico, que concentrou a riqueza nunhas poucas mans e permitiu a aparición dunha elite financeira. Mentres, o novo sistema educativo exaltaba valores como o nacionalismo, o espírito de sacrificio e a disciplina. Iniciouse entón unha etapa de expansión exterior coa ocupación das illas Kuriles (1875), a derrota de China e a ocupación de Corea, Manchuria e Formosa (1849-1895), a intervención en China contra os bóxers (1900) e a vitoria sobre Rusia (1904-1905), aínda que entre 1878-1905 e 1918-1926 existiu unha feble oposición liberal impregnada de marxismo e cristianismo.
Xapón durante as Guerras Mundiais
O triunfo de Xapón na Primeira Guerra Mundial, do bando dos aliados, permitiulle controlar a zona de influencia alemá no Pacífico (illas Carolinas, Marshall e Marianas) e intervir en China e, aínda que tivo que reducir o seu potencial naval no Pacífico (Conferencia de Washington, 1921-1922), converteuse nunha das primeiras potencias mundiais do momento. Coa subida ao poder do Emperador Hiro Hito I, iniciouse unha época de depresión económica que desde a crise de 1929 desembocou nun proceso de fascistización, apoiado polos militares, que tendeu á eliminación da oposición democrática. Ademais da ocupación de Manchuria (1931) e da retirada da ONU (1933), en 1937 Xapón iniciou a guerra contra China, ocupando Pequín e Nanquín. Despois de asinar (1940) con Alemaña e Italia o Eixe Berlín-Roma-Toquio e un pacto de neutralidade coa URSS (1941), en 1941, durante a Segunda Guerra Mundial, interveu contra EE UU cun ataque aeronaval sobre a base estadounidense de Pearl Harbor (Hawaii), que foi contestado polos estadounidenses cos bombardeos atómicos de Hiroshima e Nagasaki e coa ocupación do arquipélago (1945-1950). O xeneral D. MacArthur iniciou a desmilitarización, a purga de imperialistas e o castigo aos criminais de guerra.
A democratización do país
Finalizada a Segunda Guerra Mundial implantouse en Xapón unha monarquía parlamentaria (na que Hiro Hito I continuaba como emperador) e aprobouse unha constitución (1947). O seu desenvolvemento económico na posguerra foi acompañado dun período de estabilidade política, protagonizado polo Partido Liberal Democrático, que se mantivo no poder sen interrupcións desde 1955. Un ano despois produciuse o ingreso de Xapón na ONU. En política exterior, Xapón mantivo unha posición de firme alianza cos países occidentais, malia que o seu proteccionismo obstaculizou as relacións cos EE UU e a UE. Con Rusia desenvolveu un longo contencioso polas illas Kuriles, perdidas en 1945, pero reclamadas polos xaponeses. Entre os primeiros ministros que desde entón se fixeron cargo do goberno sobresaíron E. Sato (1964-1972), grande impulsor da economía; T. Fukuda (1976-1978) que conseguiu asinar o tratado de paz chino-xaponés en 1978; e Y. Nakasone (1982-1987) que proxectou o país internacionalmente e consolidouno como potencia exportadora de produtos de alta tecnoloxía. Sucedeuno Noburu Tadeshita (1987-1989) que emprendeu unha reforma fiscal cunha seria oposición; Sosuke Uno (1989), Toshiki Kaifu (1989-1991) e Kiichi Miyazawa (1991-1993). Á morte de Hiro Hito I (1989), sucedeuno como emperador o seu fillo Akihito. A pesar da súa continuidade no poder, o Partido Liberal Democrático viuse afectado ao longo dos seus gobernos por distintos escándalos de subornos efectuados polas grandes compañías e membros do goberno, pero as loitas polo poder dentro do propio partido levárono á súa escisión a finais de 1992. Como consecuencia K. Miyazawa quedou en minoría e tivo que dimitir. Ademais, nas eleccións de 1993 o Partido Liberal non acadou a maioría e formouse un goberno de coalición de partidos da oposición (liberais, socialistas e centristas) con Morihiro Hosokawa como primeiro ministro. Este foi substituído tras a súa dimisión (1994) por Tsutomu Hata, do Partido da Renovación, que ese mesmo ano volveu ser substituído por unha coalición representada por Tomiichi Murayama. A este goberno sucedérono os de Ryutaro Hashimoto (1996-1998), Keizo Obuchi (1998-2000) ou Yoshiro Mori (2000-2001). Nas eleccións de 2001 gañou unha coalición encabezada por Junichiro Koizumi (Partido Liberal Democrático), que nos comicios de 2005 volveu revalidar o seu cargo.