Xelmírez, Diego
Bispo (1100-1120) e arcebispo (1120-1140) de Santiago de Compostela, fillo de Xelmirio. Foi ducado no palacio do bispo Diego Páez, familiar seu. Ao redor dos vinte anos, os condes de Galicia, Reimundo de Borgoña e Urraca, nomeárono chanceler da súa casa e corte. En 1093 os bispos de Galicia e o pobo, convocados polo conde, designárono administrador da diocese compostelá en tanto non se producise a elección dun novo prelado. Á morte do bispo Dalmacio en 1095, volveu ser nomeado administrador ata 1099. En 1100 peregrinou a Roma onde o Papa Pascual II o ordenou subdiácono. Ao seu regreso foi nomeado bispo de Santiago. Comezou entón o seu proxecto de elevar a sé compostelá á dignidade metropolitana, ao que accedeu o Papa Calisto II en 1120, coa intervención do bispo do Porto, Hugo. Pola bula Omnipotentis dispositione (27.2.1120) trasladábase a dignidade metropolitana da igrexa de Mérida á de Santiago, e, pola bula Antiqua sedis (28.2.1120) designábaselle como legado pontificio para as provincias eclesiásticas de Braga e Mérida, coa potestade para convocar en concilio os bispos de ambas as dúas metrópoles. Segundo a Historia Compostellana nunca convocou concilios provinciais na súa metrópople, e só celebrou concilios en calidade de legado pontificio sobre Mérida e Braga (1121-1125). O sucesor de Calisto II, o Papa Honorio II non o confirmou como legado pontificio. Politicamente, a súa actividade foi importante no problema sucesorio do Reino de Castela á morte de Afonso VI cando o conde de Traba e os seus partidarios nomearon rei de Galicia a Afonso, fillo de Urraca e Reimundo de Borgoña e neto de Afonso VII, que foi coroado por Xelmírez en 1111. Por outra banda, armou dúas naves de guerra para combater os piratas que arrasaban a costa galega. Procurou a elevación do clero catedralicio, enviando os cóengos a estudar a Francia, reformou a escola catedralicia e ampliou o ensino, reanudou as obras da catedral e reedificou o palacio episcopal destruído nas revoltas de 1117.
Cronoloxía
-
Nacemento
-
Deceso
Lugar : Santiago de Compostela