Xenebra

Xenebra

Capital do cantón homónimo, Suíza, situada no extremo SO do lago Léman ou de Xenebra (175.000 h [2001]). O Roine divide a cidade en dúas partes. Á esquerda atópase o outeiro onde está o núcleo antigo, coa catedral como punto máis alto. A cidade conserva unha función administrativa de carácter supranacional, é sede de diversos organismos internacionais como o GATT, a EFTA ou os servizos europeos da ONU. É tamén un núcleo industrial e financeiro. A súa industria está moi diversificada, e destacan os reloxos, a xoiaría, os instrumentos científicos e a maquinaria eléctrica. Foi ocupada e fortificada por César e estivo en poder dos burgundios (s V), os francos (534), de Lotario (843), do Reino de Borgoña (879) e do Imperio Xermánico (1033). A burguesía, enriquecida polo desprazamento das rutas comerciais a causa da Guerra dos Trinta Anos, tratou de apropiarse do goberno municipal e enfrontouse ao bispo e á casa de Savoia, señora da cidade desde 1401. En 1533 expulsouse o bispo e en 1535 adoptouse a Reforma. Unida a Francia desde 1798, en 1815 adheriuse á Confederación Helvética. Destaca a catedral do s VI, reconstruída nos s XII e XIII.