xenon
(
Elemento químico de número atómico 54, pertencente ao grupo 0 da táboa periódica. É un dos gases nobres, compoñente minoritario do aire. Foi descuberto en 1898 por W. Ramsay e M. W. Travers. O xenon natural está constituído por nove isótopos naturais estables con masas que van de 124 a 136 e que determinan un peso atómico de 131,30. Coñécense ademais quince radioisótopos artificiais. Obtense en pequenas cantidades mediante destilación fraccionada do aire líquido. A pesar de ter un primeiro potencial de ionización de 12,1 eV, forma numerosos compostos nos que actúa coas valencias 2, 4, 6 e 8. Entre estes cabe sinalar os fluoruros (XeF2, XeF4, XeF6), que foron empregados como axentes fluorantes de grande eficiencia, os óxidos (XeO3, XeO4), oxidantes e poderosos explosivos, os xenatos (HXeO4-) e os perxenatos (XeO64-), que son posiblemente os oxidantes máis fortes que se coñecen. A causa do seu elevado custo, o uso do xenon limítase a eidos moi específicos, como a electrónica. OBS: A grafía <x> representa o son [ks].