Xénova
Capital de Liguria, situada na provincia homónima, Italia, entre os Alpes Ligures e o Mar Mediterráneo (603.560 h [2001]). Elévase sobre pendentes dun anfiteatro montañoso que rodea o golfo homónimo ao fondo do cal se atopa o porto, o primeiro de Italia. A principal actividade económica é o sector industrial, sobre todo o metalúrxico e o mecánico. Ten refinarías de petróleo. Conquistada por Roma en 222 a C, pasou a mans dos imperios Carolinxio (774) e Xermánico. En 1056, independizouse e creouse a República de Xénova, rexida alternativamente por cónsules e por un podestà, e posteriormente por un capitán do lugar. Acadou a independencia pola súa expansión comercial, marítima e territorial. Pasou a mans dos Savoia por decisión do Congreso de Viena (1815). En 1861 foi incluída no estado italiano. Do seu patrimonio cultural destaca a catedral de San Lorenzo (ss XI-XVI).