xeoloxía

xeoloxía

(< xeo- + -loxía)

s f [XEOL]

Ciencia que ten por obxecto de estudo a composición, estrutura e evolución da Terra. Estuda a Terra no seu aspecto físico, mineral e orgánico; a natureza dos materiais que a compoñen, a súa formación e os cambios ou alteracións que experimentaron desde a súa orixe ata a súa situación actual. Non se desenvolveu como ciencia moderna ata o s XVIII, paralelamente ao desenvolvemento industrial, pola necesidade de atopar substancias como o carbón ou os minerais metálicos. Con anterioridade a Terra era considerada como un escenario inmutable, pero desde a antigüidade algún pensador (Heródoto, Plinio, da Vinci) elaborou ideas ou saberes xeolóxicos, aínda que sen os parámetros propios da ciencia moderna. En 1785 o escocés James Hutton expón a orixe das rochas e en 1801 Werner escribe o primeiro esbozo da xeoloxía histórica e define por primeira vez unha escala de tempos xeolóxicos. W. Smith Brongniart e Cuvier observaron a superposición de estratos e fósiles que contiñan as rochas, orixinándose así a estratigrafía. O primeiro tratado de xeoloxía aparece en 1833 dirixido por C. Lyell. Utilizando as técnicas doutras ciencias e novos métodos de investigacións esta ciencia especializouse en grao máximo, permitindo explorar a fondo a codia terrestre. Para comprender a ordenación da litosfera, o desenvolvemento dos fenómenos que tiveron lugar nela e a súa evolución ou as aplicacións a que dá lugar, a xeoloxía divídese en varias ramas. A xeoloxía histórica encárgase da evolución do globo terrestre e estuda a sucesión dos acontecementos, e as leis da evolución da codia terrestre. Compleméntase coa paleontoloxía, que analiza os fósiles contemporáneos aos sedimentos estudados. A xeoloxía estrutural ou tectónica céntrase nas deformacións da codia terrestre. A xeoquímica dedícase ao estudo das substancias que constitúen a codia terrestre e a xeodinámica sintetiza os datos achegados por outras disciplinas. A xeoloxía aplicada trátase dun conxunto de métodos e técnicas que teñen por obxecto o estudo do subsolo con vistas ao seu aproveitamento. Desde un punto de vista xeolóxico Galicia é un territorio moi primitivo, xa que na súa maior parte pertence ao dominio herciniano. Sitúase nun dos núcleos máis antigos da Península Ibérica, o macizo hespérico, que está formado fundamentalmente por materiais silíceos (granito), na parte occidental, e rochas metamórficas, como xistos, lousas ou cuarcitas, na metade oriental. Porén, o pregamento alpino e, en concreto, a xénese da Cordilleira Pirenaica, reactivou o antigo sistema de fallas e fracturas hercinianas presentes no territorio galego. Deste xeito tivo lugar no Terciario a formación dunha complexa sucesión de serras, vales encaixados e pequenas depresións tectónicas. A expresión máis característica da dinámica xeolóxica recente en Galicia son as rías, longos vales fluviais rodeados de bloques alzados, que se meten no mar e constitúen unha das imaxes galegas máis características.