Xeorxia

Xeorxia
Nome científico: [xeorxiano:Sak’art’velo; rus: Gruzija]

Estado asiático, situado na parte occidental de Transcaucasia (69.492 km2; 4.918.000 h [estim 2001]). Limita ao N con Rusia, ao O co Mar Negro, ao S con Turquía e Armenia, e ao L con Acerbaixán. Forman parte dela as repúblicas autónomas de Abkharia, Adxaria e Ossetia Meridional. A súa capital é Tbilisi.
Xeografía física
A maior parte do territorio de Xeorxia é montañoso xa que comprende case que todo o Gran Cáucaso e a súa parte axial é a serra principal do Cáucaso, cos picos El’-brus (5.642 m) e Kazbek (5.047 m). Nos límites de Xeorxia aparecen os Alpes de Abkhazia, con formas de relevo alpino que acadan o seu cumio no Dombaj-Ul’gen (4.047 m). O Cáucaso central ten altitudes superiores aos 5.000 m e ao S aparece o sistema montañoso do Pequeno Cáucaso. Entre o Gran Cáucaso, a serra Surami e as montañas de Adxaria atópase a chaira da Cólquida, no curso inferior do río Rioni. Na parte montañosa, os invernos son relativamente temperados e os veráns frescos, mentres que o litoral presenta un clima temperado e húmido. Os ríos principais son o Rioni, o Inguri, o Kodori e o Mtkvari (ou Kura). A vexetación da Cólquida é basicamente un bosque de folla caduca no que se conserva un número considerable de vexetais laurifolios. Na montaña, por riba dos 600 m, predominan as carballeiras e, máis arriba, o bosque de faia oriental; entre os 1.500 e os 2.100-2.300 m hai bosques de coníferas subalpinas e, por riba deles, sitúanse os prados alpinos.
Xeografía económica e humana
Están moi desenvolvidas a agricultura e a industria. O lugar principal de cultivos é a Cólquida e os vales da Xeorxia oriental. No litoral do Mar Negro e nos terreos desecados da chaira cultívanse té, cítricos, loureiro e oliveiras, mentras que en Xeorxia occidental predomina o millo e na oriental, o trigo. A gandaría ocupa un lugar moi importante na economía. No sector mineiro, ten grande importancia o manganeso de Čiatura, e hai grandes xacementos de carbón en Tkibuli e Tkvarčeli. Ten, tamén, moitos recursos hidroenerxéticos e desenvolveu en gran medida a industria de transformación. O crecemento anual foi negativo -0,9% (2000-2005). A poboación urbana é do 51,9%.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
A poboación está composta por xeorxianos (70,1%), armenios (8,1%), rusos (6,3%), acerbaixanos (5,7%), ossetios (3%), gregos (1,9%), abkhazos (1,8%) e outros (3,1%). A lingua oficial é o xeorxiano. Hai ortodoxos (45%), musulmáns (11%) e seguidores doutras relixións (44%).
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Xeorxia entre os países cun desenvolvemento humano medio (97º posto mundial cun índice de 0,739). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de de 69 anos para os homes e 77 para as mulleres, o índice de alfabetización de adultos é do 100% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 69%, e o PNB real por habitante é de 2.260 $ EE UU.
Goberno e política
República federal da URSS, independizouse o 9 de abril de 1991 e proclamouse república en 1992. O 24 de agosto de 1995 aprobouse a nova Constitución. República presidencialista, o presidente é elixido para un período de 5 anos por sufraxio universal. O Sak’art’velos Parlamenti, coñecido tamén como Umaghiesi Sabcho (Consello Supremo) está composto por 235 membros que son elixidos para un período de 4 anos. O sistema xudicial baséase na lei civil e os xuíces da Corte Suprema son elixidos polo Sak’art’velos Parlamenti coas recomendacións do presidente. As principais forzas políticas son o Natshhionakhuri Modraoba-Demokrathebi (NMD) e o Memarjvene Opozicia (MO), formado polo Akhali Memarjveneebi e o Mrtsveloba Gadaarchens Sak’art’velos. Pertence aos seguintes organismos internacionais: Consello de Europa, Comunidade de Estados Independentes (CEI), ERBD, ONU e OSCE.
Historia

As orixes
Habitado desde o Neolítico, o territorio de Xeorxia dividiuse en dous reinos: o de Cólquida (s VI a C), na parte occidental, e o de Iberia (ss IV-III a C), na oriental. En 66 a C, vencidos os xeorxianos por Cneo Pompeio, Cólquida uniuse co reino veciño de Lask e converteuse en vasalo de Roma. Despois da penetración do cristianismo (s IV), que funcionou como un elemento de unificación étnica, foi dominada por persas e bizantinos (desde o s VII) e caeu en poder dos árabes a finais do s IX. A reconquista comezouna a dinastía bagrátida e, de feito, baixo Bagrat III (975-1014) unificouse o reino. David III de Xeorxia (1089-1125) conquistou Tbilisi e, coa Raíña Tamar (1184-1212), Xeorxia viviu momentos de esplendor. A mediados do s XIII foi destruída polos mongois e, entre os ss XVI e XVIII, foi invadida alternativamente por turcos e persas, que lle deron o goberno aos descendentes dos bagrátidas.
Xeorxia baixo o dominio ruso
Do protectorado que Heraclio II (1762-1798) buscou en Catarina II de Rusia pasouse á anexión (1801) e á implantación dunha política de rusificación, contra a que xurdiu un movemento de resistencia nacional. Despois da Revolución de 1917, Xeorxia pasou a formar parte da Transcaucasia, con Armenia e Acerbaixán ata o Tratado de Brest-Litovsk (1918), momento no que buscou a protección de Alemaña. Tras a derrota desta na Primeira Guerra Mundial, Xeorxia foi recoñecida como república independente (1920). Ocupada ao ano seguinte polas tropas soviéticas, foi incorporada á República Soviética de Transcaucasia e, disolta esta (1936), converteuse nunha das quince repúblicas da URSS. A partir dese momento producíronse numerosas manifestacións independentistas, sempre violentamente reprimidas. A perestrojka permitiu a eclosión do nacionalismo xeorxiano, pero tamén fixo aflorar os conflitos inter­étnicos cos abkhazos e os ossetios do S, que ocuparon, respectivamente, territorios do NL e do N desta república, e que en 1990 se declararon independentes.
A independencia
Aínda que estas resolucións foron vetadas polo Soviet Supremo de Xeorxia, que tamén reprimiu duramente o movemento independentista xeorxiano, a independencia da república proclamouse en 1991 e, ese mesmo ano, Zviat Gamsakhúrdia foi elixido presidente de Xeorxia, pero foi deposto en 1992. O sector militar implantou un consello de estado que estaba presidido polo ex-ministro de Asuntos Exteriores soviético Eduard A. Ševarnadze, que sería confirmado no cargo nas seguintes eleccións (1992). A situación desembocou nunha guerra civil, na que a oposición armada, encabezada por Gamsakhurdia, hostilizaba o réxime militar. Doutra banda, en Ossetia e Abkhazia enfrontáronse partidarios e contrarios á independencia. Desde 1992, E. Ševarnadze mantívose na presidencia do país (reelixido en 1995 e 2000). Os seus últimos anos de goberno caracterizáronse polo apoio simbólico á coalición angloamericana que en 2003 interveu militarmente en Iraq e, no interior, polas continuas crises económicas e sociais. Acusado de fraude electoral (2003), tras a Revolución das Rosas -manifestación de protesta na que os participantes repartiron rosas entre as forzas da orde-, tivo que dimitir ese mesmo ano. O seu posto foi ocupado, desde 2004, por Mikhail Saakashvili.