Xeración do 36
Grupo literario de poetas nacidos entre 1910 e 1920, que viviron a Guerra Civil e que reflectiron nas súas obras as súas repercusións. Caracterízanse por ser os encargados de recuperar, na década de 1950, as tendencias da poesía de preguerra e transmitirlles aos novos autores a súa formación ideolóxica e literaria, que tivo lugar durante a Segunda República, e especialmente o espírito da Xeración Nós. Os membros desta xeración, que nalgúns casos xa publicaran antes de 1936, serviron de ponte de enlace entre o galeguismo anterior á guerra e as xeracións posteriores. Deste grupo destacan A. Iglesias Albariño, C. E. Ferreiro, L. Seoane, A. Cunqueiro, E. Pita, Dora Vázquez Nieto, X. Mª Díaz Castro, Lorenzo Varela, María Mariño, X. Mª Álvarez Blázquez, E. Álvarez Blázquez, X. Conde ou R. Carballo Calero.