xiísmo
Seita islámica xurdida con motivo da sucesión do terceiro califa do Islam, ao ser destituído ‘Alī ibn Abī Ṭ ālib por Mu’āwiyya I. Malia que nun principio se presentou como un partido proárabe que defendeu o carácter hereditario do califato fronte aos omeias, axiña se manifestaron as diferenzas con respecto da ortodoxia sunnita, a escala política e relixiosa. Defenden que a dirección espiritual da comunidade lle corresponde exclusivamente ao califa ‘Alī e aos seus descendentes e dado que aquel foi perseguido polo poder temporal, o xiísmo introduciu a noción de paixón e a valoración do sufrimento como medio de salvación, elementos descoñecidos no Islam ortodoxo. Ademais, os xiítas discrepan da versión oficial do Alcorán, que acusan de ter suprimido diversas pasaxes relativas a ‘Alī e cren que a única autoridade cualificada para fixar a interpretación da lei é a dos seus imáns. No que respecta ao culto, practican a peregrinación ás tumbas dos primeiros imáns e doutros mártires da seita. Durante o califato abbásida, dividiuse en numerosas subseitas (imanita, ismailita, zaidita) e inspirou, ao longo do tempo, outros movementos relixiosos como o cármata, o fatimita, o druso, o babismo ou o bahaísmo.