Xistral, Serra do
Serra litoral cunha altitude media de 700 m, situada entre os concellos das Pontes de García Rodríguez, Abadín, Alfoz, Mondoñedo, Muras, O Valadouro, Ourol, Vilalba, Xermade, Xove, Viveiro e Cervo. As maiores altitudes rexístranse nos picos Lomo Pequeno (1.015 m), Xistral (1.033 m), Seixo Branco (1.057 m) e o Cadramón (1.056 m). Neste núcleo montañoso nacen os ríos Landro, Ouro, Masma e Eume. Cara ao N esta superficie alóngase nunha ampla crista que culmina no Chao de Lamoso (1.039 m). Desde 2001 forma parte de Rede Natura 2000 como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC). O seu principal punto de interese é a abundancia de turbeiras, enriquecidas con especies endémicas. Ademais, da súa flora destaca a presenza de narcisos e esfagnos, e en canto á súa fauna, pódense atopar aves como o pincaouro ou varias especies de picanzos, anfibios como a píntega rabilonga ou réptiles como diversas lagartas, así como bolboretas do xénero Erebia, consideradas reliquias de épocas glaciais.