Xoán XXIII
Papa (1958-1963). De nome Angelo Giuseppe Roncalli, ordenouse sacerdote en Roma en 1904 e foi secretario do bispo de Bérgamo, Giacomo Maria Radini Tedeschi. Profesor de historia eclesiástica, patroloxía e apoloxética no seminario de Bérgamo, foi presidente para Italia do consello central da Pontificia Opera della Propagazione della Fede (1921). En 1925, Pío XI nomeouno visitador apostólico en Bulgaria e ordenouno bispo. En 1935 foi nomeado delegado apostólico en Turquía e Grecia. Durante a Segunda Guerra Mundial salvou a moitos xudeus mediante os permisos de tránsito que lles facilitaba a través da Delegación Apostólica. En 1944 Pío XII enviouno a París como nuncio apostólico. Nomeado cardeal en 1956 pasou a Venecia como patriarca. Elixido papa, e en contra da expectativa xeral de que sería un papa de transición, puxo en marcha o maior intento de achegamento da Igrexa Católica á sociedade do seu tempo. Propuxo unha reformulación do papel da Igrexa no mundo, dos seus ritos, estruturas e costumes, convocou o Sínodo romano, mandou a revisión do código de Dereito Canónico e convocou o Concilio Vaticano II. Durante o seu pontificado, amosouse como un papa emprendedor, cordial, sinxelo e dialogante. Polas súas calidades o pobo chamouno O Papa bo. No seu maxisterio destacan as encíclicas Mater et magistra e Pacem in terris. Beatificado en 2000, a súa festividade celébrase o día 11 de outubro, en memoria da data en que convocara o Concilio Vaticano II.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Sotto il Monte -
Deceso
Lugar : Cidade do Vaticano