Xoán Evanxelista, san

Xoán Evanxelista, san

(Betsaida, Galilea s I - Éfeso? s I) Apóstolo, fillo de Zebedeo e irmán de Santiago o Maior. Pescador, xunto ao seu irmán seguiu a Xesús e acompañouno ata a súa morte. Segundo Tertuliano, sobreviviu en Roma ao tormento da caldeira de aceite fervendo e retirouse á illa de Patmos, onde tivo as visións da Apocalipse. Pasou os seus últimos anos en Éfeso onde puido escribir o Evanxeo que se lle atribúe. Segundo a lenda un anxo avisouno da súa morte e os seus discípulos non atoparon o seu corpo no sepulcro e concluíron que subira ao ceo. En Occidente represéntase como un mozo imberbe e en Oriente como un vello calvo, de barba branca. Leva como atributos a aguia, a copa envelenada, a caldeira de aceite e a palma do paraíso. Represéntase só, con Xesús e os apóstolos ou coa Virxe María ao pé da cruz. A súa festividade celébrase o 27 de decembro.

Palabras veciñas

Xoán de Salisbury | Xoán de Tarifa | Xoán Estobeo | Xoán Evanxelista, san | Xoán Filipón | Xoán Hircano I | Xoán I