Xoán Paulo II
Papa (1978-2005). De nome Karol Józef Wojtyéa, estudou filoloxía polaca na Universidade Jaguelloniana de Cracovia. Durante a Segunda Guerra Mundial, para evitar a deportación a Alemaña, traballou como obreiro nunha canteira e nunha fábrica química. Axudou a familias xudías a escapar do réxime nazi e aos 21 anos comezou a súa preparación para o sacerdocio. En 1942 ingresou no departamento de teoloxía da universidade e durante anos viviu oculto xunto a outros seminaristas. Foi ordenado sacerdote en 1946 e doutorouse en Teoloxía na Università Pontifica Angelicum de Roma coa tese “O acto de fe na doutrina de san Xoán da Cruz”. Posteriormente doutorouse en Filosofía e foi profesor na Universidade Católica de Lublin e na Universidade Estatal de Cracovia. En 1958 Pío XII nomeouno bispo auxiliar de Cracovia. No Concilio Vaticano II participou na elaboración das constitucións Lumen Gentium e Gaudium et Spes. Paulo VI nomenouno arcebispo de Cracovia (1964) e fíxoo cardeal (1967). Converteuse no primeiro papa non italiano elixido desde Adriano VI en 1552. A súa influencia nos asuntos políticos mundiais foi decisiva, entre outras accións, contribuíu á caída dos réximes comunistas de Europa do Leste, mediou no conflito entre Arxentina e Chile e opúxose á invasión estadounidense de Iraq. Foi o primeiro papa en visitar unha igrexa luterana (Roma, 1983), unha sinagoga (Roma, 1986) e unha mesquita (Damasco, 2001). Creou as Xornadas Mundiais da Xuventude e visitou Terra Santa. En 1981 sufriu un atentado na praza de San Pedro que marcou a súa saúde. Proclamou 1.338 beatos e 482 santos. Promulgou 14 encíclicas, 15 exhortacións apóstólicas, 11 constitucións apostólicas e 45 cartas apostólicas. Durante o seu pontificado publicou os códigos de Dereito Canónico Latino e Oriental e o Catecismo da Igrexa Católica. Aclamado polo pobo como santo, o 13 de maio de 2005 o seu sucesor, Benedito XVI, deu formalmente por iniciado o seu proceso de beatificación, omitindo os cinco anos de espera requiridos no dereito canónico.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Wadowice -
Deceso
Lugar : Cidade do Vaticano