xudaría
(< xudeu)
-
s
f
[HIST]
Barrio en que habitaban os xudeus, especialmente durante a Idade Media. En Galicia, o seu esquema organizativo foi semellante ao dos antigos concellos cristiáns. Estaban constituídos polos anciáns, representantes da autoridade patriarcal, os adiantados e os cabezas de familia, e as súas funcións abarcaban os asuntos internos da aljama ou xudaría, o cobro de impostos e a representación da comunidade. A figura suprema recaía no rabb maior ou sacerdote supremo, de nomeamento rexio e con autoridade sobre varias comarcas e bispados e a administración de xustiza estaba en mans dos hedines, os dayanes e os chamados anciáns maiores, maxistrados que exercían nos grandes distritos. A cúspide correspondía ao gaón ou nassí, figura prescrita no Talmud que velaba pola integridade das leis civís e criminais e interviña nos asuntos relixiosos. A instrución dos preitos realizábana os escribas, encargados tamén da redacción de todo tipo de documentos entre os xudeus. A vida relixiosa xiraba ao redor da sinagoga -existiron en Allariz, Ares, Ourense, Sobrado e A Coruña- na que o sacerdote supremo exercía a súa autoridade mentres que os rabinos explicaban e interpretaban a lei. As ceremonias corrían a cargo dos sacerdotes ou cohenin. Habitualmente, a súa localización estivo vinculada aos intereses comerciais dos xudeus que se adicaron maioritariemente a esta actividade. De aí que os seus asentamentos en Galicia se localizasen nas rutas comerciais que enlazaban con Castela polo N (Astorga-Ferrol e as súas ramificacións) e polo S (Astorga-Vigo e as súas ramificacións) En moitas ocasións atopouse a súa presenza próxima aos mosteiros, como os de San Salvador de Celanova, Santa María de Sobrado dos Monxes ou Santa María de Melón. As maiores concentracións corresponderon a Allariz, Tui e Ribadavia (onde chegaron a constituír o 50% da poboación).
Sinónimos: xudería. -
s
f
[HIST]
Contribución que pagaban os xudeus.
Sinónimos: xudería.