Xunqueira de Ambía, Santa María a Real de
Antiga colexiata situada en Xunqueira de Ambía. A súa orixe remite ao s IV cando, segundo unha lenda, se apareceu a Virxe nese lugar, nunha lagoa coñecida como Juncaria, onde foi erixida unha ermida que pronto se converteu en obxecto de devoción popular. Desde o ano 955, as referencias indican que se constituíu como casa monástica baixo a fundación de Gonzalo Froila e a súa muller Ilduara, parentes de san Rosendo. En 1150 foi doada á orde agostiña, momento en que iniciou o seu período de maior prosperidade pero, prexudicada polo sistema de encomendas durante os ss XV e XVI, a súa revitalización debeuse ao administrador Alonso de Piña. Posteriormente os seus bens e a súa xurisdición quedaron relegados, por mandato real, baixo a mitra de Valladolid e converteuse nunha igrexa colexial ata a desamortización (1835). A partir de 1928, os mercedarios instaláronse na parroquia homónima e mantiveron o culto do templo. A igrexa, de estilo románico de transición, ten planta de cruz latina con tres naves, falso triforio e tres ábsidas, sendo a central a máis desenvolvida e na que destaca o rosetón calado. A cuberta é de madeira, a dúas augas. Os soportes empregados, agás no triforio, no que se empregan columnas, son piares compostos. A fachada principal divídese, cun beiril apoiado sobre canzorros, en dous corpos, nos que destaca o rosetón central e os óculos dos corpos laterais, que están separados do central por contrafortes. A porta principal presenta varias arquivoltas de medio punto e unha fiestra e unha inscrición no tímpano. Nun dos lados alzouse, en estilo románico, unha torre de fábrica robusta, restaurada e elevada en estilo barroco e na que destaca o reloxo do s XVIII. No interior da igrexa destacan, ademais do retablo maior, renacentista con influencias flamengas e dedicado á Asunción, os demais retablos barrocos. Tamén diversas pezas de ourivaría, catorce cantorais de pergameo de diversas épocas, así como os sepulcros dos priores Alonso de Piña e Luís Bermúdez ou o de Álvaro Sotelo quen, despois de arrasar a vila, doou antes de morrer (1508) todas as súas posesións á igrexa. Espazos a ter en conta tamén son a sancristía, obra de Bartolomé de Nocendo, e a capela da Mercede, ambas do s XVI e cubertas con bóveda de cruzaría. O coro, situado inicialmente no centro do templo, trasladouse con posterioridade a unha das dependencias do claustro. A presenza do órgano documentouse desde 1536. O primeiro foi realizado por Bernal Díaz e foi substituído durante o s XVII por outro de Gaspar de Alaraz Estrada. O que se conserva foi obra de Manuel González Maldonado, con caixa barroca do escultor Juan de San Martín, que remata cunha talla en que se representa a Asunción, titular da colexiata. Foi restaurado en 1986. O claustro, de planta rectangular, presenta un corpo de estilo gótico tardío do s XVI, no que aínda se poden ver restos do primitivo románico, conformado por arcos de medio punto con tímpanos calados, sobre o que se construíu outro corpo durante o s XVIII, con fins exclusivamente utilitarios e que foi retirado durante unha posterior restauración. Nun dos laterais do patio construíuse a vivenda para os cóengos. O actual priorado foi construído en 1853 polo bispo Carrascosa para servir de residencia de verán aos prelados de Ourense. No conxunto do recinto destaca o arco de entrada, tamén do s XVI, no que o prior Martín de Córdoba mandou colocar as armas de Filipe II e as súas propias, ademais dunha inscrición laudatoria. Foi declarada BIC en 1931.