Xurásico
Segundo sistema e período do Mesozoico, situado sobre o Triásico e baixo o Cretáceo, entre os 213 e os 140 millóns de anos BP. É un período caracterizado pola calma tectónica, e no que o mar invadiu tres veces os continentes. Durante o Xurásico, América do Norte estaba unida a Eurasia, América do Sur estaba illada, Australia permanecía unida á Antártida, e África e India estaban tamén illadas. O Océano Atlántico estaba en plena expansión, e o mar de Tetis formaba un enorme xeosinclinal que se enchía constantemente de sedimentos que deron lugar en períodos posteriores a importantes cadeas montañosas. A fauna xurásica é unha das máis ricas e mellor coñecidas. Predominaron os cefalópodos, os ammonítidos e os belemnítidos, ademais doutros moluscos, esponxas silíceas, corais, pterosauros e dinosauros. Os mamíferos aparecidos durante o Triásico diversificáronse en diversos grupos, como os simetrodontes, os pantoterios e os multituberculados. No límite xurásico-cretáceo apareceron os insectívoros. En canto á flora, fentos e plantas ximnospermas son os representantes máis xenuínos.