Bach, Johann Sebastian
Compositor. Descendente dunha familia de músicos, recibiu probablemente de seu pai as primeiras nocións do oficio musical. Despois de pasar por Weimar e Neukirche de Arnstadt (1703), e por Mülhausen (1707), aceptou o posto de músico de cámara e organista da corte do duque de Saxonia-Weimar, e en 1717 trasladouse a Köthen (Anhalt, Saxonia). Desta época, que durou seis anos, son algunha das súas grandes obras instrumentais: as Invencións a dúas e tres voces, o primeiro volume de Das wohltemperierte Klavier (O clavicémbalo ben templado), A Fantasía cromática, as suites francesas e inglesas, todas as obras para violín e violoncelo só e as sonatas para frauta. Os seis Concertos de Brandenburgo aparecen como síntese do coñecemento musical da Europa daquel momento. En 1723 gañou por oposición o posto de director de música da Thomasschule de Leipzig, e ocupouno ata a súa morte. Foi a época da súa máxima fecundidade, principalmente na música relixiosa: calcúlase que escribiu, nestes anos, 260 cantatas relixiosas, as paixóns segundo san Xoán, san Mateo e san Marcos -esta última perdida-, A Misa en si menor, o Magnificat, os oratorios de Nadal, de Pascua e da Ascensión; os seis motetes, catro misas, lieder, etc. Para órgano escribiu, entre outras obras, as excepcionais Seis Sonatas a tres voces. Para clavicémbalo rexístrase, nesta época, o segundo volume de Das wohltemperierte Klavier, o Concerto italiano, a Partita en si menor e as Variacións Goldberg. Nesta etapa final escribiu Das musikalische Opfer (A ofrenda musical) e, pouco tempo despois, Die Kunst der Fuge (A arte da fuga) que está inacabada. O espírito creador de Bach non necesitou cambiar as formas tradicionais para expresarse libremente. Non é estraño que os seus contemporáneos o acusasen de anticuado e que caese case no esquecemento durante máis de medio século. Bach esgotara xa todas as posibilidades da música barroca e, despois del, a música desenvolveuse noutra dirección. Mendelssohn ten un lugar de honra no redescubrimento definitivo de Bach, polo feito de patrocinar a interpretación da Paixón segundo san Mateo, en 1829.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Eisenach -
Deceso
Lugar : Leipzig