Bactriana
Rexión da Asia Central comprendida entre o Hindūkush, Amudarja e Margiana, corresponde á parte setentrional de Afganistán. A Bactriana aparece na historia durante o s VII a C formando parte do Imperio Aqueménida. Esta provincia, xunto á Sodgdiana, representaba o seu extremo NO, en contacto coas tribos escitas nómades e ao pé das lombas que comunicaban a estepa asiática coa chaira india. Os seus habitantes falaban un dialecto iraniano oriental na versión máis antiga na que foron compostos os himnos máis antigos do Avesta, feito que coincide coa versión tradicional que fai da rexión berce de Zaratustra. A conquista da Bactriana por Alexandre o Grande (330 a C) puxo a rexión en contacto co mundo mediterráneo; a poboación indíxena mostrou unha forte pero breve resistencia; establecéronse gornicións e colonias gregas, especialmente na capital, Bactra (actual Balkh). Pola división do Imperio Macedónico a satrapía pasou a formar parte do reino dos seléucidas. No ano 250 a C o gobernador Diodotos independizouse de feito, pero sen perder o título de Rei. O seu fillo foi destronado por Eutidemos I a finais do s III a C, quen constituíu o Reino de Bactriana. A expansión dos partos e a cesión da maior parte das provincias orientais ao Imperio Maurya illou e protexeu ao novo reino, que foi consolidado por Demetrio I. A revolta de Eucrátidas I (171-150 a C) deu orixe a unha nova dinastía que alternou no trono cos descendentes de Demetrio. Ata o comezo da era cristiá, cando a invasión dos escitas destruíu o poder grecomacedónico da zona, sucedéronse os monarcas e os pequenos estados helenísticos que se estenderon pola chaira india do Punxab. Estes principados foron unificados durante un breve período (115-90 a C) baixo Menandro I mentres o centro do poder desprazábase cara á India. O reino de Bactriana e as súas ramificacións indias, no extremo oriental do mundo helenístico, representaron unha orixinal síntese cultural de elementos gregos, iranianos e índicos, que se prolongou ata ben entrada a era cristiá baixo os dominios indoescita, parto, tokhari e kushan. Influíu considerablemente no desenvolvemento da arte india e foi unha importante canle de difusión do Budismo cara á Asia Central e a China.