Badajoz
Cidade e capital da provincia homónima, na Comunidade Autónoma de Extremadura, situada á beira do río Guadiana e preto da fronteira portuguesa (122.510 h [1996]). Centro comercial dunha área agrícola, ten industrias alimentarias e téxtiles. A súa área comercial engloba a zona oriental da provincia e parte da de Cáceres. É sé episcopal. Ten universidade. Capital do pequeno reino independente dos Banū-al-Aftars (s XI), que tributaba parias ao Reino de Galicia, caeu en 1094 en poder dos almorábides e, posteriormente, dos almohades. Pertenceu á xurisdición eclesiástica de Santiago de Compostela. En 1230 Afonso VIII de Galicia conquistouna definitivamente. En 1289 foi escenario das loitas entre portugaleses e bejaranos. A proximidade con Portugal motivou diversos asedios lusos para conquistala. En 1801 asinouse o tratado de paz que puxo fin á chamada Guerra das Laranxas, entre España e Portugal. Durante a Guerra da Independencia contra Napoleón foi ocupada polo mariscal Soult (1811) e logo reconquistada polo xeneral Wellington. En agosto de 1883 tivo lugar en Badajoz un dos últimos levantamentos republicanos do s XIX ao pronunciarse en favor da república a gornición de Badajoz. Nos primeiros días da Guerra Civil (agosto de 1936) foi ocupada por Franco. Conserva escasos restos do período romano e a alcazaba almohade, comezada cara a 1170. A catedral é gótica (1232-1284), con engadidos dos ss XVI e XVII, ten aspecto de fortaleza pola austeridade da torre; no seu interior destacan as cadeiras do coro renacentista (1557) tallado por Jerónimo de València. A Igrexa da Concepción (1768), de planta circular, é obra de Ventura Rodríguez.