Bagdad
Capital do Iraq e do mu ḥ āfa ẓ a de Bagdad, á beira do Tigris e preto do punto de maior aproximación deste co Éufrates (4.478.000 h [1995]). Situada nun emprazamento estratéxico, Bagdad herdou o papel de cruzamento de camiños representado antes por cidades de localización próxima (Babilonia, Seleucia, Ctesifonte), entre a Asia meridional, a Asia central, a Asia Anterior ou Oriente Próximo e os lugares de peregrinación de Mesopotamia e de Arabia. A modernización dos transportes e o equipamento das rexións produtoras de petróleo aumentaron os intercambios comerciais. Ten poucos vestixios do pasado, entre eles destacan a cidadela, o palacio dos abbásidas, convertido en museo, o minarete de Suq-el-Gazl, a tumba de Zubayda e numerosas mesquitas. O segundo Califa abbásida Al-Man ṣ ūr edificouna como capital (762-766) aproveitando un antigo centro de comercio de caravanas que unían o Mediterráneo e Persia coa ruta do Golfo Pérsico. Bagdad logo creceu, e en tempo de Hārūn-al-Rašīd gozaba dun gran prestixio en todo o mundo musulmán. Máis tarde a capital do califato foi trasladada a Sāmarrā’ (836-892). Durante o s XI a cidade decaeu por causa das loitas do seu xa vacilante réxime contra os turcos; finalmente o iklan mogol Hūlāgū incendiouna e devastouna (1258); o soldado mameluco Baybars tentou conquistala (1262) para restablecer o califato, pero non o conseguiu, e a cidade continuou como capital da provincia turca. Tamerlán arrasouna (1401) e os otomanos ocupárona (1534). Ademais dunha curta dominación persa (1623-1638), o seu papel foi escuro ata finais do s XIX, cando, baixo os últimos otomanos, cobrou importancia, sobre todo grazas á construción do ferrocarril Bagdad-Istambul. Os ingleses entraron na cidade no ano 1917 e no 1920 foi designada capital do novo estado de Iraq. Sufriu unha vaga de bombardeos como resposta ao ataque iraquí a cidades iranianas en 1980. Durante a Guerra do Golfo (1991) foi bombardeada en numerosas ocasións e en 1998 os avións norteamericanos e británicos bombardearon novamente a cidade.