Bahamas

Bahamas

Estado de América Central situado no Océano Atlántico (mar das Antillas), ao SL da península de Florida, e integrado polo arquipélago homónimo (13.939 km2 ; 296.000 h [estim 1998]), situado entre os 21° e os 27° de latitude N e os 71° e 79° de lonxitude O. A capital é Nassau, situada na illa de New Providence.
Xeografía física
O arquipélago está formado por 29 illas, 661 illotes e 2.387 arrecifes. As illas máis grandes son Grand Bahama, Great Abaco, Andros, Eleuthera, Cat Island, Long Island, Crooked, Acklins, Mayaguana, Great Inagua e New Providence. Situadas sobre un altiplano asolagado, están formadas por rochas calcarias. As costas son xeralmente chas e rodeadas por arrecifes coralinos. O clima é tropical e está influído pola Corrente do Golfo (Gulf Stream), que mantén as temperaturas entre os 20°C e os 30°C. Están moi afectadas polos furacáns. A vexetación está constituída por sabanas e manglares, aínda que tamén hai algúns bosques.
Xeografía económica
A agricultura (cana de azucre e cultivos tropicais) ten unha importancia secundaria mentres que a pesca está destinada en parte á exportación. Na industria teñen relevancia os produtos derivados do aproveitamento da cana (azucre e ron). Nas dúas illas principais, New Providence e Grand Bahama, hai industria química, fábricas de cemento, centrais termoeléctricas e unha gran refinería de petróleo, así como cadanseu aeroporto internacional e porto franco en Nassau e Freeport. O turismo ten unha grande importancia económica, grazas ás boas comunicacións e ao clima. Con 3.447.477 turistas en 1994, o sector ocupa a preto dos 2/3 da poboación activa e achega máis do 40% do PNB (1990). A balanza comercial ofrece un saldo negativo. Máis da metade do valor das importacións é absorbida polo petróleo en bruto. As exportacións consisten basicamente en carburantes derivados do petróleo, produtos químicos, a pesca e o ron. A lexislación tributaria das Bahamas convérteo nun paraíso fiscal para o capital internacional: en 1997 máis de 24.500 compañías estableceron a súa sede nas illas atraídas polas condicións tributarias favorables.
Xeografía humana
Entre 1980 e 1990 a poboación freou lixeiramente a tendencia ao crecemento, que retomou na década seguinte (1,92% en 1995 e 1,6% en 1997). As taxas de natalidade e mortalidade sitúanse no 19,2‰ e no 5,8‰, respectivamente (1995). A poboación está constituída basicamente por afroamericanos descendentes dos antigos escravos negros (72%); así mesmo, o 14% son mulatos e o 12% brancos. A lingua oficial é o inglés, aínda que se fala un inglés crioulo. A relixión principal é o Cristianismo, practicada por anglicanos (75,3%) e por unha minoría católica (18,8%). O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1997 situaba a Bahamas entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o trixésimo primeiro posto cun índice do 0,884). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 73,8 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 95,8% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 74%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 16.705 $ USA.
Goberno e sociedade
Antiga colonia británica, é independente dende o 10 de xullo de 1973. Membro da Commonwealth, o xefe do estado é o soberano do Reino Unido, a Raíña de Inglaterra. O poder executivo exérceo un goberno presidido polo primeiro ministro e responsable ante o Parlamento bicameral, constituído por un senado de 16 membros, nomeados polo gobernador, e unha asemblea de 49 membros elexidos cada 5 anos por sufraxio universal. Está prevista a pena de morte, aínda que non se executou a ninguén nos últimos anos. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967); e a Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller. Os partidos políticos máis importantes son: Free National Movement (FNM, Movemento Nacional Libre) e o Liberal Progressive Party (LPP, Partido Liberal Progresista). Forma parte destes organismos internacionais: Commonwealth, Organización de Estados Americanos (OEA) e ONU.
Historia
Chamadas antigamente Lucayas, foi nunha das súas illas, Guanahani (hoxe illa de Watling), onde primeiro desembarcou Cristovo Colón o 12 de outubro de 1492. Malia as exploracións do propio Colón e outras posteriores, como a de Ponce de León no s XVI, os casteláns non estableceron ningunha colonia no arquipélago; chegaron a deportar aos seus habitantes indíxenas a outras illas onde os empregaban como man de obra en actividades extractivas. En 1648 os ingleses estableceron unha colonia en Eleuthera, convertendo o arquipélago nun refuxio de naves corsarias. Carlos II de Inglaterra cedeu (1670) as Bahamas a seis lores propietarios de Carolina do Sur pero non formaron un goberno regular. A partir de 1718 Inglaterra enviou un gobernador real que conseguiu poñer fin á piratería. Obxecto de disputas entre españois, franceses e británicos, polo Tratado de Versalles (1783), foron atribuídas definitivamente a Inglaterra. Ata 1838 os realistas americanos   enriquecéronse co comercio do algodón e introduciron un gran número de escravos africanos. Despois da abolición da escravitude (1838) as plantacións declinaron. Durante a guerra civil, as Bahamas convertéronse na base da ruptura do bloqueo ao que estaban sometidos os estados do sur. En 1959 introduciuse o sufraxio censitario masculino para aqueles que acreditasen posuír unha propiedade, mentres que o sufraxio feminino se instauraba en 1962. Trala consecución da autonomía (1964), nas primeiras eleccións con sufraxio directo celebradas no ano 1967, accedeu ao poder o Liberal Progressive Party (LPP) que, liderado por Lynden Pindling, formou o primeiro goberno constituído por negros. O segundo mandato de Pindling, reelixido en 1972, estivo determinado pola consecución da independencia o 10 de xullo de 1973 e polo seu ingreso na Commonwealth. O LPP e Pindling, que gañaron as sucesivas eleccións entre 1977 e 1992, incorporaron ao país no movemento dos Países Non Aliñados, aínda que política e economicamente nunca se desmarcaron da influencia dos EE UU. Nas eleccións xerais do 24 de agosto de 1992 obtivo a vitoria o Free National Movement (FNM), encabezado por Hubert Ingraham. O goberno de Ingraham adoptou medidas tendentes a favorecer o desenvolvemento do sector turístico e financeiro, para o que promoveu a creación do Paradise Island, un gran centro turístico próximo a Nassau; así mesmo, iniciou unha reforma económica e social do país que, sobre todo, afectou á área educativa. Nas eleccións do 18 de marzo de 1997 o FNM volveu gañar e Ingraham foi confirmado como primeiro ministro. Non obstante , comezou a notarse un certo descontento social aos poucos meses, cando unha multitude de persoas opostas á privatización da compañía telefónica intentou invadir o Parlamento en marzo de 1999.